Celebrar a XXV edición do FIOT é unha oportunidade para festexar a chegada a este fito do noso camiño, un logro importante para unha proposta cultural que naceu e medrou modestamente, pero con coherencia e persistencia, e coa ambición de ser sólida e potente.
Vinte e cinco anos abrindo o telón á ilusión, á reflexión, á sorpresa, á beleza, ao encontro, á provocación, á experiencia, á compañía, á emoción… O Outono de Teatro non é un conxunto de espectáculos programados en outubro, é unha idea compartida e viva que xa moitos, desde o público ata os artistas ou todo tipo de colaboradores, evocamos na nosa memoria como algo máis que teatro, unha illa propia que compartimos.