Blog de tuplace

Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local

  • Página Principal
    Página Principal Aqui Vostede pode encontrar todas as postaxes do blog
  • Categorias
    Categorias Mostra unha lista de categorias deste blog.
  • Tags
    Tags Mostra unha lista de tags utilizadas no blog.
  • Blogueiros
    Blogueiros Procura por seu blogger favorito neste site.
  • Equipos
    Equipos Encontre aqui seus blogs de equipo favoritos.
  • Login
    Login Formulário de login

Danse a coñecer os Premios da Cultura Galega 2016

por en Noticias
  • Tamaño da fonte: Maior Menor
  • Acessos: 4663
  • 0 Comentários
  • Increver-se para receber atualizacións
  • Imprimir
4663

Os galardóns son para María Xosé Queizán, Miguel Fernández-Cid, Sarabela Teatro, Maximino Zumalave, a cooperativa Numax, a Irmandade Xurídica Galega, o Museo de Pontevedra e Elena Zernova.

María Xosé Queizán en Letras, Miguel Fernández-Cid en Artes Plásticas, Sarabela Teatro en Artes Escénicas, Maximino Zumalave en Música, a cooperativa Numax en Audiovisual, a Irmandade Xurídica Galega en Lingua, o Museo de Pontevedra en Patrimonio Cultural e Elena Zernova en Proxección Exterior son os galardoados nas diferentes modalidades dos Premios da Cultura Galega 2016, entre un total de 40 candidaturas presentadas na edición deste ano.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, abriu a reunión do xurado dos Premios da Cultura Galega 2016, que tivo lugar esta mañá no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, e que estivo integrado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández Santiago, por delegación do seu presidente; a bibliotecaria-arquiveira da Real Academia Galega, Margarita Ledo, por delegación do seu presidente; e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Manuel Quintana Martelo. O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, que non puido asistir, delegou o voto na Consellería de Cultura e Educación. Este ano participaron tamén no xurado os profesionais da cultura Xosé Ballesteros, editor; Susana Seivane, gaiteira; Fefa Noia, directora teatral; e Manuel Vilariño, fotógrafo. Actuou como secretaria a subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural, Cristina Fabeiro.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca anualmente estes premios co obxecto de apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos. O galardón deste ano consistirá nunha escultura do artista Manolo Paz, que os premiados e premiadas recibirán nun acto solemne a realizar en próximas datas.

Letras

Escritora e pensadora feminista, o destacado labor de María Xosé Queizán abrangue distintos estilos e xéneros. Como narradora é autora de obras como ‘Amantia’ e a biografía de ‘Emilia Pardo Bazán. Unha nena seducida polos libros’. Como poeta é autora das obras ‘Metáfora da metáfora’, ‘Despertar das amantes’, ‘Fóra de min’, ‘Non o abras como unha flor’ e ‘Cólera’, ademais de diversas pezas teatrais, e como ensaísta publicou, entre outras, ‘A muller en Galicia’, ‘Recuperemos as mans’, e ‘Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial’. Na actualidade dirixe a revista ‘Festa da Palabra Silenciada’.

Artes plásticas

Crítico de arte en recoñecidos medios nacionais, Miguel Fernández-Cid foi director do CGAC durante unha década e director da Fundación Torrente Ballester en Santiago de Compostela. Comisario de exposicións de artistas galegos e nacionais e cunha ampla traxectoria docente no ámbito universitario, Fernández-Cid desenvolveu un importante labor de defensa e promoción da cultura plástica en Galicia. Recentemente, coordinou a exposición ‘Gallaecia Petrea’ no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia.

Artes escénicas

Sarabela Teatro é a compañía privada galega que acadou máis premios María Casares da historia. Integrado por Ánxeles Cuña, Elena Seijo, Sabela Gago, Fina Calleja, Fernando Dacosta, Suso Díaz, Tito Asorey e Nate Borrajo, o grupo puxo en escena os seus espectáculos desde a década dos anos oitenta, tanto en Galicia como no ámbito internacional. ‘Ensaio sobre a cegueira’, ‘A Esmorga’, ‘Sexismunda’ e ‘Así que pasen cinco anos’ son algunhas das obras dunha compañía que tamén participa na organización da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, da Mostra de Teatro Infantil e do Festival Internacional de Teatro de Ourense.

Música

Director e pianista compostelán, Maximino Zumalave formouse musicalmente en Santiago de Compostela, Madrid, Viena e Stuttgart. É fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director convidado da Orquestra Sinfónica de Galicia entre 1992 e 1995, e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, da que foi fundador; así como director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais e profesor de Sinfonismo nos cursos universitarios internacionais ‘Música en Compostela’. Membro da Real Academia Galega de Belas Artes e do Consello da Cultura Galega, foi distinguido en 2008 coa Medalla Castelao.

Audiovisual

A cooperativa Numax, primeira sala de cinema galega integrada na Rede de Exhibición Europa Cinemas, enfoca a súa programación integramente á difusión dos filmes en versión orixinal. Ademais disto, impulsa un programa de subtitulación ao galego que permite, xunto coa difusión en sala, a súa divulgación en múltiples formatos. A través do selo Numax Distribución favorece por primeira vez desde Galicia a estrea no resto de España de filmes de autor contemporáneos, en versión orxinal con subtítulos en galego ou castelán. Este proxecto cultural incorpora unha vertente de formación escolar, unha libraría e un laboratorio de gráfica e vídeo responsable do acabado de filmes que circulan en festivais internacionais, catálogos de exposicións etc.

Lingua

A Irmandade Xurídica Galega é a continuadora dunha tradición de xuristas impulsores do uso da lingua galega na actividade xudicial, como Sebastián Martínez Risco, Ramón Carballal Pernas, Valentín Paz Andrade e Lois Peña Novo. O traballo dos profesionais do dereito que conforman a entidade contribúe de xeito destacado a acadar un maior uso da lingua propia de Galicia no exercicio da Xustiza.

Patrimonio cultural

O Museo de Pontevedra é unha institución pública dedicada a conservar, exhibir, investigar e difundir pezas de singular valor patrimonial. Cunha destacada programación expositiva, o museo desenvolve un labor de investigación propio centrado principalmente nos seus fondos, entre os que se inclúen algúns de especial relevancia como os de Castelao e de interese artístico como esculturas de profetas procedentes da fachada exterior da catedral de Santiago, a colección de olaría tradicional ou a colección Sodesco composta por 313 pinturas de autores galegos e foráneos de entre os séculos XV e XX, entre as que se inclúen obras de Berruguete, Sorolla, Van Der Hamen, Rusiñol ou Julia Minguillón.

Proxección exterior

Elena Zernova dirixe o Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo. Creado en 1993, un dos centros de referencia no ámbito internacional na tradución ao galego, onde é responsable do ensino de lingua e cultura galegas. Desde 2005 ocupa tamén o cargo de vicepresidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos, e é profesora visitante e colaboradora en universidades de diversos países. Dirixe a ‘Antoloxía da Literatura Galega’ (colección bilingüe ruso e galego), da que xa se levan publicado 21 tomos que recollen desde poesía medieval ata poetas e narradores clásicos; e traduciu obra de autores galegos vivos, como Alfredo Conde, Manuel Rivas, ou Xurxo Borrazás, así como de figuras da literatura hispanoamericana.

Edicións anteriores

Os Premios da Cultura Galega recoñecen o labor creativo que entidades e persoas están a desenvolver en Galicia no ámbito cultural. En edicións anteriores recibiron estes galardóns, entre outros, Fina Casalderrey, Xosé Neira Vilas, Luz Pozo Garza, o Festival de Ortigueira, Miguelanxo Padro, María Bouzas, o Real Coro Toxos e Froles, Ignacio Vilar, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial-Culturmar e a Galería Trinta.

0
URL Trackback para esta Postaxe

Comentários

  • Neñum comentário. Seja o primeiro a comentar

Deixe seu comentário

Visitante Domingo, 22 Decembro 2024