Blog de tuplace

Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local

  • Home
    Home This is where you can find all the blog posts throughout the site.
  • Categories
    Categories Displays a list of categories from this blog.
  • Tags
    Tags Displays a list of tags that have been used in the blog.
  • Bloggers
    Bloggers Search for your favorite blogger from this site.
  • Team Blogs
    Team Blogs Find your favorite team blogs here.
  • Login
    Login Login form

O CGAC prepara diversas actividades ao redor dos museos, do cine, da ciencia, da arquitectura e da filosofía

by in Noticias
  • Font size: Larger Smaller
  • Hits: 19472
  • 0 Comments
  • Subscribe to this entry
  • Print
19472

Arranca o ciclo de encontros ‘Non hai museo sen debate’, no que se xuntarán críticos, comisarios, artistas e coleccionistas para analizar o estado actual do medio museístico.

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) organiza para as vindeiras semanas múltiples actividades de diversas disciplinas culturais. De feito, hoxe arranca o ciclo de encontros ‘Non hai museo sen debate’, no que se reunirán críticos, comisarios, artistas e coleccionistas para analizar o estado actual do medio museístico.

O obxectivo destas xornadas é a reflexión arredor do presente e do futuro dos centros e institucións de arte contemporánea. Unha cita para falar sobre o modelo de museo que queremos e necesitamos, compartindo experiencias de profesionais da escena galega e tamén de fóra de Galicia. Nas diferentes mesas de debate participarán artistas como Antón Patiño ou Carme Nogueira, comisarios como David Barro ou Daniel Castillejo, críticos como Ángela Molina ou Xosé Manuel Buxán Bran, e coleccionistas como Juan Carlos Román ou Rosario Sarmiento, entre outros.

Ademais, e como todos os últimos martes de cada mes, o vindeiro día 29 estrearase un filme documental en colaboración coa produtora Pararell 40. Dirixida por Phie Ambo en 2015, o filme danés ‘Virán tempos mellores’ relata a historia dun granxeiro de 79 anos que se dedica á agricultura biodinámica en Copenhague. A súa granxa vese obrigada a adaptarse ás normativas e regulacións das autoridades indiferentes aos seus principios filosóficos vitais.

A película, que se emitirá en versión orixinal con subtítulos en español, proxectarase ás 20:30 horas no auditorio do CGAC. A entrada é libre e gratuíta.

‘Nerd nites’ por cuarto ano consecutivo
Por cuarto ano consecutivo, o CGAC colabora coa Universidade de Santiago de Compostela no desenvolvemento das ‘Nerd nites’, cuxa nova edición terá lugar o vindeiro mércores 30 de marzo ás 21.30 horas na Cantina do CGAC. Nesta cita os convidados falan co público das disciplinas que lles apaixonan nun ton distendido e fóra do ámbito académico. Son conversas sobre literatura, política, medicina, matemáticas, bioloxía, arte, etc., que teñen como premisa a sinxeleza de conceptos e de contidos.

Cun formato de 15 minutos por exposición, nesta ocasión o maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José Ramón Chaves García, ofrecerá unha pequena conferencia baixo o título ‘As confidencias de Einstein ao seu avogado e viceversa’. Pola súa banda, Pablo Carpintero Arias, bioquímico, etnomusicólogo e artesán, deleitará aos asistentes cun relatorio titulado ‘Hai música no home? E nas mulleres?’, mentres que o investigador do Centro Común de Investigación da Comisión Europea, Carlos Paradela Dobarro, versará sobre Fukushima. A actividade é de acceso libre e gratuíta ata completar aforo.

Laboratorio de ideas con Antoni Socias
Como iniciativa complementaria á exposición ‘Teoría e práctica do deserto’ que se abrirá ao público o día 31 de marzo ás 20.00 h, o artista Antoni Socias (Mallorca 1955), ofrecerá unha ás 19 h na Sala do Padroado do CGAC xunto con Santiago Olmo, comisario da exposición e o artista Caramo Fanta.

Ademais os días 1 e 2 de abril, Socias dirixirá un laboratorio de ideas para artistas profesionais, estudantes de arte de cursos avanzados, filósofos e científicos con inclinación pola arte e a cultura. Neste encontro vanse abordar os nexos de unión entre filosofía, psiquiatría, ciencias exactas e arte. Algúns dos piares fundamentais do traballo de Socias -ingravidez, biodiversidade, negación, ocultación, desdobramento ou a propia disxuntiva entre azar e necesidade- levárono sucesivamente a formular significativas conciliacións dalgúns dos postulados científicos e disquisicións filosóficas máis significantes cos seus propios procesos. No laboratorio articularanse puntuais estudos metodolóxicos sobre a conciencia do ser humano (psiquiatría) cos últimos avances da ciencia (materia e universo) e intentaranse aplicar -en paralelo- á arte as similitudes resultantes destas vinculacións temerarias. Trataranse algúns exemplos prácticos do que non se pode explicar con claridade en ciencia.

O laboratorio desenvolverase o venres día 1 de abril (de 17:00 a 20:00 horas) e o sábado 2 (de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00). A matrícula no obradoiro custa 20 euros e as solicitudes de inscrición poden realizarse enviando un correo electrónico a This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it. .

Talleres experimentais de arquitectura
As últimas fins de semana de cada mes, desde febreiro ata maio, o CGAC programa talleres de arquitectura contemporánea destinados a público infantil. O arquitecto Fermín Blanco, a través do equipo didáctico de Sistema Lupo, propón unha serie de talleres de arquitectura cuxo obxectivo é proporcionarlles aos nenos e nenas as claves necesarias para interpretar a arquitectura contemporánea mediante o legado das figuras máis relevantes do noso tempo neste eido. Este sistema comprende unha serie de pezas modulares que permiten múltiples posibilidades combinatorias, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción para construír a gran escala.

Despois do taller ‘Manifesta. Le Corbusier, A arquitectura en cinco puntos’ que tivo lugar o pasado mes, os vindeiros días 2 e 3 de abril terá lugar o taller ‘Imaxina’, dedicado ao idealismo do arquitecto Jorn Utzon, mentres que o 30 de abril e o 1 de maio, o obradoiro ‘Experimenta’ centrarase na arquitectura experimental de Frey Otto. O ciclo rematará a finais de maio con ‘Sinte’, arredor da acción sensible de Kazuyo Sejima Saana.

Os obradoiros dos sábados están dirixidos a nenos e nenas de entre 6 e 8 anos, mentres que os dos domingos están orientados a rapaces e rapazas de entre 9 e 11 anos. As prazas para esta actividade están esgotadas, pero as persoas interesadas en formar parte da lista de agarda deben inscribirse a través do correo electrónico This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it. .

Cafés filosóficos
O primeiro domingo de cada mes, de abril e xuño, o poeta, filósofo e contador de historias Celso Fernández Sanmartín dirixirá o ‘Filocafé’ no CGAC. Os filocafés son conversas públicas cun enfoque filosófico nas que poden participar todas as persoas interesadas en intercambiar inquietudes ou puntos de vista desde calquera disciplina ou nivel de coñecemento.

Unha vez ao mes, unha obra de arte sairá dos almacéns do museo para acompañar aos asistentes no debate e dialogar como un contertulio máis mentres se degusta un café. A peza elixida empregarase como punto de partida para a conversa, pero non se vai falar de arte ou non só de arte, senón de calquera tema que suxira a obra nun nivel conceptual, formal ou anecdótico. Poderase conversar de ciencia, gastronomía, política, música, filosofía, cine, estética, actualidade... asuntos mundanos ou elevados, de xeito que todas as persoas que o desexen poidan opinar e achegar as súas reflexións sobre os temas que vaian xurdindo de maneira espontánea.

As citas para o ‘Filocafé’, cuxa participación é libre e gratuíta, están programadas para o 3 de abril, o 1 de maio e o 5 de xuño ás 18:30 horas na Cantina do CGAC.

0

Comments

  • No comments made yet. Be the first to submit a comment

Leave your comment

Guest Sunday, 22 December 2024