Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local
Un xurado composto por especialistas en composición musical como Hugo Gómez-Chao Porta, Margarida Mariño Suárez, Álvaro Núñez Carbullanca e Gloria Rodríguez Gil;, presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto e coa xefa da área, Mercedes Fernández Albalat como secretaria escolleu a obra de Ramón Humet entre as 21 presentadas ao concurso de composición musical convocado pola Deputación da Coruña. O gañador recibirá como premio 6.500 € ademais da estrea da obra.
xurado destacou que a obra "In the distance" "é unha obra vivaz e enérxica que afonda con oficio, imaxinación e risco no tempo metronómico, as pulsacións internas e a modulación das súas velocidades, xerando texturas fluídas e cambiantes, plenas de virtuosismo rítmico,harmónico e orquestral".
A obra está composta por 9 pezas que, segundo apuntan, "son pequenos estudios sobre un material moi concreto; é unha partitura moi profesional cunha escritura impecable".
Anotan tamén que o autor "coñece perfectamente as posibilidades dos instrumentos e afonda sobre as posibilidades da velocidade e a pulsación, cun gran refinamento tímbrico á hora de crear combinacións instrumentais; traballa o material sonoro someténdoo incesantemente a continuas repeticións e transformacións, xerando momentos formais ricos de imprevisibilidade". O xurado destaca, tamén, o feito de que se trata dunha obra pensada para unha orquestra pequena.
O xurado fixo unha mención especial á calidade das obras "Songs for Julia" e "Yabal-al-Tay".
Nas edicións anteriores os gañadores foron Álvaro Núñez Carbullanca, Manuel Martínez Burgos, Eduardo Lorenzo Preito, Xavier Pagés i Corella e Javier Martínez Campos.
Sobre o gañador
Ramón Humet, nacido en Barcelona en 1968, foi galardoado co XXIV Premio Internacional de Composición Reina Sofía no 2006. Este premio supuxo un importante impulso á súa carreira e desde entón creou un catálogo dunhas corenta obras que soaron nas principais salas e festivais do mundo: Ópera de París, Sala Wilfred Pelletier de Montreal, National Centre for the Performing Arts de Beijing, Auditorio Nacional e Teatro Real de Madrid, Festival de Música e Danza de Granada, Berlín, New York,Tokyo, Vilanova d´Escarnalbou, etc... A súa música foi interpretada por orquestras e solistas como a London Sinfonietta, Orquestra Sinfónica de Montreal, Bühnen Halle Statskapelle, Latvian Radio Choir, Orquestra Nacional de España, Sarha Maria Sun, Kakizakai Kaoru, Satoko Inoue, Sílvia Vidal e Escolanía de Montserrat entre outros. Foi compositor convidado no Palau da Música Catalana na tempada 2014-2015 e no Auditori de Barcelona na tempada 2019-2020.
No ano 2017 compón a música para a coreografía Ekstasis de Martha Graham reimaxinada por Virxinie Mecene e estreada pola Martha Graham Dance Company no Joyce Theater de New York. Ekstasis forma parte do dobre disco compacto "Homenaxe a Martha Graham", gravado por Claron McFadden, Alberto Rosado, Kakizakai Kaoru e Alberto Rosado no selo Neu Records, con son en formato surround 3D.
No seu periodo de formación, destacan os seus estudos de composición con Josep Soler, improvisación con Gerry Weil e piano con Harriet Serr e Miquel Farré. Posteriormente entrou en contacto co compositor británico Jonathan Harvey, encontro que marcou profundamente o seu camiño creativo e que influíu decisivamente na súa actitude vital cara a creación musical.
Desde o ano 2009 é profesor de compositor no Conservatorio Superior do Liceo.