Blog de tuplace

Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local

  • Home
    Home This is where you can find all the blog posts throughout the site.
  • Categories
    Categories Displays a list of categories from this blog.
  • Tags
    Tags Displays a list of tags that have been used in the blog.
  • Bloggers
    Bloggers Search for your favorite blogger from this site.
  • Team Blogs
    Team Blogs Find your favorite team blogs here.
  • Login
    Login Login form

O catálogo 'Films from Galicia' 2016 ofrece unha panorámica da industria audiovisual galega a través de 57 títulos

by in Noticias
  • Font size: Larger Smaller
  • Hits: 4338
  • 0 Comments
  • Subscribe to this entry
  • Print
4338

 O volume, con edición física e dixital, acompáñase dun vídeo promocional a través do que tamén se busca difundir Galicia como escenario de rodaxe, así como a calidade artística e técnica do noso sector audiovisual.

O XX Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) foi hoxe o escenario da presentación do novo catálogo 'Films from Galicia' 2016, editado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –a través da Agadic– co obxectivo de promover a  produción cinematográfica e televisiva galega nos principais mercados internacionais do sector.

Participaron nesta presentación o director da Agadic, Jacobo Sutil; a concelleira de Cultura de Ourense, Belén Iglesias, e a directora do OUFF, Nora Sola. Jacobo Sutil foi o encargado de debullar as principais características desta publicación, que reúne información dun total de 57 títulos de cinema e televisión e para a que se conta coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a través do programa de promoción internacional do audiovisual galego que manteñen ambas as entidades.


'Films from Galicia' é precisamente a marca conxunta coa que a industria audiovisual galega se presenta cada ano en feiras tan relevantes como o MIPCOM, MIPTV e Marché du Filme de Cannes (Francia), o European Film Market da Berlinale ou Ventana Sur de Bos Aires. Como explicou o director da Agadic, en todos estes mercados distribúese o catálogo coas últimas producións galegas, de xeito que se reflicte unha “imaxe común orixinal, competitva e moderna”, ao tempo que se deixa testemuño da gran variedade da oferta galega tanto a nivel de temáticas como de xéneros ou de formatos. Búscase tamén difundir Galicia como escenario de rodaxe cun gran potencial paixasístico e patrimonial, así como dar conta da gran calidade artística e técnica dos profesionais que conforman o noso sector.

Ficción, animación, documental e televisión
Na súa edición de 2016, 'Films from Galicia' mantén a súa estrutura orixinal en catro grandes bloques: 'Pics' para longametraxes de ficción, 'Toons' para diferentes formatos de animación, 'Docs' para os documentais e 'TV' para series, telefilmes e programas televisivos. Os títulos aquí recollidos son os achegados polas propias empresas produtoras tras a convocatoria pública posta en marcha pola Agadic e dirixida a todas as compañías do sector en Galicia.

Así, 'Pics' recolle 19 longas cinematográficas de ficción, entre as que atopamos filmes xa estreados como 'Lobos sucios', película inaugural deste OUFF; 'Pozoamargo', coprodución galego-mexicana que acaba de gañar o premio á mellor película na sección 'Nuevas Olas' do Festival de Cine Europeo de Sevilla; 'O descoñecido' ou 'A praia dos afogados', xunto con outras fitas xa rematadas e a piques de chegar ás pantallas, como 'Migas de pan', 'María e os demais' ou 'As mimosas', e  outras cinco en diferentes fases dos procesos de preprodución e produción ('Toro', 'Semana grande', 'A visitante', 'Sicixia' e 'A estación'). Todos os títulos acompáñanse da súa correspondente ficha informativa, reunindo destacados nomes do noso audiovisual non só a nivel de dirección (Simón Casal, Dani de la Torre, Anxos Fazáns, Oliver Laxe, Álex Sampayo, Ángel Santos, Carlos Sedes, Ignacio Vilar e Alfonso Zarauza), senón tamén nos apartados de produción e interpretación, entre outros.

Pola súa banda, a sección de animación está integrada por sete fitas e proxectos: 'Meigallos', que se presentará o día 20 no festival ourensán; 'Psiconautas', 'Maimiño', 'Cocorico', 'Día de mortos', 'Memorias dun home en pixama' e 'Tutu!'. No caso dos documentais, 'Films from Galicia' recompila 19 producións e proxectos, entre os que atopamos propostas de moi diversas temáticas e facturas como 'Cociñando na fin do mundo', 'O tesouro de Corcoesto', 'Os días afogados', 'Unitarias' ou 'A viaxe de Leslie'.

Por último, nos produtos televisivos relaciónanse series e programas tan coñecidos do gran público como 'Serramoura', 'Luci', 'Padre Casares', 'Hospital Real', 'O códice' ou 'Casamos' xunto con outros que están a piques de iniciar a súa emisión ('Urxencia cero') e dous proxectos ('Os fillos do sol' e 'Hierro'), ata completar 12 títulos.

'Shorts from Galicia'
A edición deste 'Films from Galicia', en inglés e tanto en formato físico como en liña no web da Agadic, refórzase cun vídeo promocional baixo a mesma marca, a través do que tamén se ofrece a imaxe dunha industria puxante e aberta ao mundo, pero sen renunciar –tal e como expresou o director da Agadic– ao compromiso de difusión da nosa cultura. Esta visión conxunta do sector audiovisual galego complementarase coa publicación do catálogo 'Shorts from Galicia' 2016, dedicado especificamente a promover as curtametraxes e para o que a Agadic abrirá proximamente a convocatoria de recepción de novos traballos.

Catálogo en liña


 

0

Comments

  • No comments made yet. Be the first to submit a comment

Leave your comment

Guest Friday, 13 December 2024