Blog de tuplace

Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local

  • Home
    Home This is where you can find all the blog posts throughout the site.
  • Categories
    Categories Displays a list of categories from this blog.
  • Tags
    Tags Displays a list of tags that have been used in the blog.
  • Bloggers
    Bloggers Search for your favorite blogger from this site.
  • Team Blogs
    Team Blogs Find your favorite team blogs here.
  • Login
    Login Login form

A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS LEMBRA A ÁNXEL CASAL, O PRIMEIRO EDITOR MODERNO DO PAÍS, NO 80 ANIVERSARIO DO SEU ASASINATO

by in Noticias
  • Font size: Larger Smaller
  • Hits: 4280
  • 0 Comments
  • Subscribe to this entry
  • Print
4280

O gremio reinvidica a actividade “fundacional para o libro galego” que durante doce anos, entre 1924 e 1936, desenvolveu Ánxel Casal, primeiro na Coruña e logo en Santiago de Compostela.

A Asociación Galega de Editoras quere lembrar nesta data a Ánxel Casal Gosenxe (A Coruña, 1895-Cacheiras, 1936), o editor, libreiro, impresor e alcalde de Santiago que apareceu morto un 19 de agosto de hai oitenta anos nun foxo en Cacheiras, preto de Santiago de Compostela.

Durante 12 anos, entre 1924 e 1936, e en dúas cidades, na Coruña primeiro e logo en Compostela, Ánxel Casal publicaría máis de oitenta libros, centos de folletos e separatas, revistas e diarios, nunha intensísima actividade cultural que a Asociación Galega de Editoras considera “fundacional” para o libro galego moderno. Do prelo de Casal saíu quizais o conxunto máis importante da cultura galega de toda a súa historia. Por todo isto, dende a Asociación Galega de Editoras queremos lembrar hoxe a súa traxectoria:

“Os pobos somentes son grandes po-la cultura. Mercade Libros Galegos”

Este era un dos lemas publicitarios da editorial e imprenta Nós en 1933. Castelao diría de Ánxel Casal: “Fixo por Galicia máis que todos nós”, e Otero Pedrayo falaría nestes termos dos seus proxectos editoriais: “Na rúa Real da Cruña, nas Hortas e na rúa do Vilar de Sant-Yago, tivo Casal o seu xardín ou horto das letras, pombeiro de voares de espranza” (Libro dos amigos, Bos Aires, 1952).

Ánxel Casal creou a primeira editorial moderna de Galicia. Un proxecto cultural en clave galeguista e de esquerda deseñado para difundir a literatura e a cultura galegas nun público o máis amplo e transversal posible. Desenvolveu o seu labor ao longo de 12 anos —entre 1924 e 1936— e en dúas cidades, A Coruña primeiro e logo en Compostela.

A EDITORIAL LAR, EN SOCIEDADE CON LEANDRO CARRÉ

Xunto con Leandro Carré Alvarellos (A Coruña, 1888-1976) creou, en 1924, a Editorial Lar, empresa que pode considerarse como o primeiro ensaio dunha editorial autenticamente galeguista. Tivo como sede o primeiro andar da casa número 36 da Rúa Real da Coruña, onde o propio Casal trasladaría a súa vivenda. A Editorial Lar abría o seu catálogo cunha colección de novelas curtas, de peto, con deseños rechamantes, cuxo primeiro título foi A miña muller de Wenceslao Fernández Flórez. En total Carré e Casal publicarían 35 volumes desta colección cunhas tiradas que mesmo chegaron a superar os 3.000 exemplares. Vendíase cada novela a 30 céntimos. Foi o inicio da literatura de quiosco.

EDICIÓNS NÓS E O SEU TRASLADO A COMPOSTELA

Tres anos despois, en 1927, Ánxel Casal e Leandro Carré sepáranse. Casal principia un novo proxecto editorial, Nós, coa publicación da Historia sintética de Galicia de Ramón Villar Ponte, quen fora, en 1916, canda seu irmán Antón, un dos fundadores das Irmandades da Fala. Esta nova editorial Nós axiña abre o seu novo obradoiro no número 50 da rúa Linares Rivas, onde permanecerá estable ata o seu traslado, en maio de 1931, a Santiago de Compostela. En Santiago, Ánxel Casal instálase primeiro nos baixos da casa número 20 da rúa das Hortas, local do seu amigo e colaborador, o ilustrador Camilo Díaz Baliño (pai de Isaac Díaz Pardo e delineante municipal, tamén ‘paseado’ en agosto de 1936). Despois de transitar por distintos locais, Nós establécese nos baixos do número 15 da rúa do Vilar.

HOME EFICAZ, AGLUTINADOR E VANGARDISTA

O labor editorial de Ánxel Casal foi fundamental na consolidación do sistema literario de preguerra. El era un home eficaz e de talento, aglutinador, comprometido co galeguismo e co pensamento de esquerdas, e sempre atento ás linguaxes e estéticas modernas e internacionais. Baixo estas coordenadas publicaría De catro a catro de Manuel Antonio, os Seis poemas galegos de Federico García Lorca, Arredor de si de Otero Pedrayo, os Retrincos de Castelao ou o Mar ao norde de Álvaro Cunqueiro, entre moitos outros. Textos que se enriquecían coas estéticas experimentais de ilustradores como Maside, Colmeiro ou Seoane. En definitiva, do prelo de Casal saíu quizais o conxunto máis importante da cultura galega de toda a súa historia. Nos seus doce anos de actividade publicaría máis de oitenta libros, 152 folletos e separatas, un diario El Momento, dous grandes semanarios Claridad e Ser, 88 números de A Nosa Terra, 118 volumes da revista Nós e máis de 300 panfletos. (Datos procedentes do investigador Ernesto Vázquez Souza).

ALCALDE DE SANTIAGO POR CINCO MESES

Cando a República foi gobernada polos conservadores (1934-febreiro 1936) o proxecto de Casal entrou en fonda crise. En febreiro de 1936 foi elixido alcalde de Santiago polo Partido Galeguista. O 28 de xuño aprobábase o Estatuto de Autonomía de Galicia. O golpe de Estado do 18 de xullo pillárao en Madrid, precisamente coas xestións de entrega nas Cortes do texto do Estatuto. Regresou de contado a Santiago para facerse cargo do Concello. O 4 de agosto era detido na casa dun parente en Arzúa e, un par de semanas despois, o 19 de agosto daquel infausto verán de 1936, o seu corpo aparecía tirado nun foxo ás aforas de Santiago, e a imprenta e a editorial, devastados e destruídos. Nesa mesma data do asasinato de Ánxel Casal, era atopado tamén, en Granada, o cadáver do poeta Federico García Lorca.

A OBRA DE ÁNXEL CASAL, HOXE

Cada libro, cada lector ou lectora, cada proxecto editorial, son, hoxe, oitenta anos despois da morte de Ánxel Casal, debedores daquel labor único e histórico. Cómpre por iso lembrármonos daquel home que loitou por un futuro para o seu país construído sobre a cultura e os libros.

Fotografía: Ánxel Casal e María Miramontes

0

Comments

  • No comments made yet. Be the first to submit a comment

Leave your comment

Guest Thursday, 21 November 2024