Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a vixésima edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), que proxectará máis de 30 películas do 14 ao 22 de novembro en catro espazos da cidade e incorpora, entre outras novidades, un encontro de coprodución entre Galicia e Portugal organizado pola Agadic.
Promovido polo Concello de Ourense co obxectivo de contribuír á difusión en Galicia do cinema actual de todas as nacionalidades e de dar visibilidade á produción audiovisual galega, o OUFF 2015 combina o labor de estímulo para a creación cinematográfica a través dunha competición oficial á que este ano concorren dez películas (‘Dark Horse’, ‘Teito e comida’, 'Killing Time', 'The Sinking of Sozopol’, ‘Brindgend’, ‘A vida despois’, ‘A noiva’, ‘Bambanti’, ‘O comezo do tempo’ e ‘A decisión de Julia’), con outras seccións paralelas destinadas ao recoñecemento do cinema galego, á presentación de filmes inéditos na nosa Comunidade ou á exhibición de documentais.
A Fundación Premios da Crítica Galicia entregou os seus galardóns que nesta edición foron na categoría de música, para Guadi Galego; na categoría de iniciativas culturais, para Cineuropa; para Miguel Vila, na modalidade de cultura gastronómica; na de artes plásticas, para Xaquín Marín. En creación literaria a obra premiada foi “A viaxe de Gagarin” de Agustín Fernández Paz; en investigación, resultou galardoado o traballo “Historia da literatura galega II” de Xosé Ramón Pena Sánchez, e finalmente en artes escénicas a obra “Pan, Pan” de A Panadaría Teatro.
Obradoiros científicos, conferencias, exposicións, guías de lectura, proxeccións audiovisuais e espectáculos de maxia e teatro son algunhas das propostas de divulgación científica coas que as bibliotecas públicas de xestión autonómica convidan en novembro a celebrar o ‘Mes da ciencia en galego’.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou nos actos de homenaxe a Ramón María del Valle-Inclán que se celebraron esta mañá nos concellos de Pontevedra e de Vilanova de Arousa coincidindo coa data do aniversario do nacemento do dramaturgo, do que se cumpren 149 anos.
Na cidade do Lérez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na ofrenda floral en recordo do escritor organizada pola Fundación Valle-Inclán. Posteriormente, en Vilanova de Arousa, visitou na Casa-Museo do escritor a exposición ‘Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido [1930-1936]’, xunto co presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o alcalde do municipio, Gonzalo Durán, e mais a comisaria da mostra, Rosario Mascato.
Deseñadores de toda España participarán os días 20 e 21 de novembro na Coruña no Foro de Deseño FEED 2015, para o que a Asociación Galega de Deseñadores (DAG) conta co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A Fundación Luis Seoane e o Auditorio de ExpoCoruña serán as sedes destas dúas xornadas, que se articularán arredor de seminarios e conferencias coas intervencións de oito destacados profesionais do sector tanto a nivel galego como internacional.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou o 23 de Outubro en Budapest na presentación da próxima edición de Womex, o meirande mercado internacional da world music, que en 2016 volverá celebrarse en Santiago de Compostela tras o éxito rexistrado na edición que tivo lugar o ano pasado na capital de Galicia.
Durante a súa visita ao Centro Bálna, no que se celebra a actual edición deste evento internacional, o titular do departamento de Cultura da Xunta tivo tamén a oportunidade de comprobar como a música galega está a amosar o seu potencial na feira, a través da participación de sete compañías do país no pavillón GalicianTunes.
O festival Freakemacine presentou hoxe no CGAI o programa da súa 7ª edición, que se desenvolverá do 26 de outubro ao 1 de novembro na Coruña. A filmoteca galega será unha das sedes das proxeccións e actividades paralelas, entre as que destaca a homenaxe ao coruñés Amando de Ossorio, un dos grandes nomes do xénero de terror.
As bibliotecas públicas de Galicia celebran o seu día grande cunha completa programación de actividades coa que convidan a cidadanía a festexar con elas o 24 de outubro. A Consellería de Cultura e Educación, a través dos centros de xestión autonómica, súmase a esta conmemoración con propostas musicais, obradoiros, xornadas de portas abertas, contacontos, visitas guiadas e liberación de libros, que se desenvolven esta semana na Biblioteca de Galicia, nas bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense, da Coruña Miguel González Garcés, de Vigo Juan Compañel, de Pontevedra Antonio Odriozola e de Santiago de Compostela Ánxel Casal.