O ciclo, que se desenvolverá do 16 de abril ao 30 de setembro, contribúe á descentralización da oferta cultural galega, ao tempo que amplía a distribución dos espectáculos de teatro, música, danza, novo circo e maxia producidos en Galicia.
Presentouse en Santiago o novo calendario de actuacións de ‘Cultura no Camiño, que na súa cuarta edición amplía a 99 o número de municipios participantes e a 369 as funcións escénicas e concertos programados.
A Xunta de Galicia volve contar coa colaboración dos concellos para a organización deste ciclo, que se estende do 16 de abril ao 30 de setembro, promovido a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia co obxectivo de contribuír á dinamización cultural das localidades polas que discorren as diferentes rutas xacobeas na nosa Comunidade.