Blog de tuplace

Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local

  • Home
    Home This is where you can find all the blog posts throughout the site.
  • Categories
    Categories Displays a list of categories from this blog.
  • Tags
    Tags Displays a list of tags that have been used in the blog.
  • Bloggers
    Bloggers Search for your favorite blogger from this site.
  • Team Blogs
    Team Blogs Find your favorite team blogs here.
  • Login
    Login Login form

O CGAI abre a última carteleira da tempada cun ciclo sobre os novos cinemas da antiga Iugoslavia

by in Noticias
  • Font size: Larger Smaller
  • Hits: 12519
  • 0 Comments
  • Subscribe to this entry
  • Print
12519

O Día das Letras, os Premios Gaudí, a mostra (S8), o 25º aniversario da Escola de Imaxe e Son da Coruña, o cine postpunk da distribuidora Lux ou os filmes de Abderrahmane Sissako atopan tamén espazo nesta nova oferta bimestral.

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) inicia esta semana a súa última carteleira da temporada 2015-2016 co programa cinematográfico ‘Novos cinemas na antiga Iugoslavia. 20 anos despois de Dayton’, a través do que se propón unha reflexión sobre o intento de reconstrución dunha sociedade destruída pola guerra.

Este ciclo, que se desenvolverá na sede do CGAI na Coruña ao longo de sete sesións desde este xoves 5 ata o vindeiro día 12, abre unha intensa e variada programación bimestral. Nela haberá lugar para a celebración do Días das Letras Galegas, os Premios Gaudí do cinema catalán, o 25º aniversario da Escola de Imaxe e Son da Coruña, un especial sobre o cinema postpunk da distribuidora Lux, os filmes do director de orixe mauritana Abderrahmane Sissako ou unha escolma do festival barcelonés Beefeater in-Edit, entre outras citas. Continuarase, ademais, co programa sobre Jean Renoir que deu comezo en abril, así como coas seccións habituais da filmoteca galega Fóra de Serie, Desencadres, Off Galicia, CGAI Júnior ou Cinemascapes.

Novas xeracións de cineastas
Os acordos de Dayton (1995) que puxeron fin á guerra entre as repúblicas da antiga Iugoslavia son obxecto do ciclo do que son comisarios Stefan Invančić e mais Miquel Martí Freixas que tenta trazar un percorrido polo cine que se fixo neses territorios desde aquela altura. Os filmes seleccionados pertencen a dúas xeracións de novos cineastas que iniciaron a súa traxectoria durante e despois da contenda e que, espallados polos países xurdidos tras a disolución de Iugoslavia, ofrecen diferentes puntos de vista sobre a recente guerra, as perspectivas sociopolíticas, os legados do pasado e o seu reflexo nas relacións humanas da sociedade actual.

Martí Freixas será o encargado de presentar este xoves 5, ás 20.30 horas, a primeira destas sesións, durante a que se proxectará ‘Flotel Europa’, de Vladimir Tomić. O ciclo continuará o venres 6 cos programas ‘(Re)unión dos pequenos’ (18.30 h), que inclúe ‘The Sky Below Osijeka’, de Zvonimir Juric; ‘Three’, de Goran Dević; e ‘Karpotrotter’, de Matjaž Ivanišin; e ‘Seguir adiante’ (20.30 h), cos filmes ‘The Shovel’, de Nebojša Šerič Shoba; ‘Home’, de Andrijana Stojković; e ‘Children of Sarajevo’, de Aida Begić.

A semana que vén terán lugar as catro sesións restantes baixo os títulos ‘Herdanzas íntimas’ (‘Dremano Oko’, de Vladimir Perišić, e ‘Dad’, de Vlado Škafar: martes 10, ás 18.00 e ás 20.30 h), ‘Crebacabezas da memoria’ (‘Our Shadows Will’, de Vladimir Perišić; ‘Heavens’, de Jelena Maksimović e Ivan Salatić; e ‘Abdul & Hamza’, de Marko G. Singh: mércores 11, ás 18.00 h), ‘Un futuro atoldado’ (‘Made of Ashes’, de Ognjen Glavonić, e ‘The Reaper’, de Zvonimir Jurić: mércores 11, ás 20.30 h) e ‘Esvarar cara ao futuro’ (‘No no’, de Dane Komljen, e ‘Tilva Roš’, de Nikola Ležaić: xoves 12, ás 18.00 e ás 20.30 h).

Programación en Ourense e Vigo
Este mes de maio retómase, ademais, a colaboración cos cineclubs Padre Feijoo de Ourense e Lumière de Vigo para continuar desenvolvendo as extensións da programación do CGAI nestas cidades. Hoxe día 2 arranca na Biblioteca Pública Nodal de Ourense a primeira destas carteleiras coa proxección en sesión dobre (20.30 e 23.00 h) de ‘Benjamin Smoke’, de Jem Coen. Esta será a primeira das oito xornadas cinematográficas que se celebrarán ata xuño e que inclúen un especial de tres curtas de Xacio Baño; un ciclo do director afroamericano Charles Burnett, quen visitou recentemente a filmoteca galega en colaboración co Play-Doc de Tui; o documental ‘O futebol’, de Sergio Oksman; o clásico do cinema soviético ‘Sayat Nova’, de Sergei Parajanov; e dúas citas para o público máis novo dentro da sección CGAI Júnior: ‘O meniño e o mundo’, de Ale Abreu, e ‘La canción del mar’, de Tomm Moore.

Pola súa banda, a carteleira de Vigo centrarase nos realizadores Charles Burnett, Sergio Oksman e Xacio Baño, aos que se dedicará cadanseu especial como parte da programación cinematográfica que se desenvolverá desde mañá no Auditorio Municipal.

0

Comments

  • No comments made yet. Be the first to submit a comment

Leave your comment

Guest Friday, 13 December 2024