Blog de tuplace

Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local

  • Inicio
    Inicio Aquí es donde puedes encontrar todas las publicaciones del blog.
  • Categorías
    Categorías Muestra una lista de categorías de este blog.
  • Etiquetas
    Etiquetas Muestra una lista de etiquetas que se han utilizado en el blog.
  • Bloggers
    Bloggers Busca a tu blogger preferido.
  • Blogs de Equipo
    Blogs de Equipo Busca tu equipo de blog preferido aquí.
  • Acceder
    Login Tu cuenta

Mercedes Queixas: 'Un pobo que acredita na súa cultura propia é un pobo con futuro de seu'

por en Entrevistas
  • Tamaño de fuente: Mayor Menor
  • Visitas: 19540
  • 0 Comentarios
  • Suscribirse a las actualizaciones
  • Imprimir
19540

Saldamos a nosa débeda e iniciamos a andadura polo universo da escrita con Mercedes Queixas, escritora e profesora, secretaria xeral da AELG

Mercedes Queixas Zas, nada na Coruña, é unha escritora galega. É licenciada en Filoloxía Hispánica, subsección galego-portugués, na Universidade da Coruña, e exerce actualmente a docencia no CPI Alcalde Xosé Pichel, de Coristanco, labor que compaxina coas funcións de secretaria xeral da Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega.

O seu día a día discorre entre a súa cidade natal e a aldea, que está sempre moi presente na súa vida e, por extensión, na súa obra, como podemos comprobar nas súas propias palabras: "Comparto soles, ventos, treboadas, reloxos de area, vogais abertas e pechadas, foles novos, con moitas persoas boas que me rodean, que me aprenden, emocionan, fan rir, sorprenden, animan, acariñan, bican. Vivo contaxiada de moita vida viva. O resto ignóroo. Aprendino a tempo. Receita básica de sobrevivencia neste proceso de continua degustación que é a existencia."

Esta é a entrevista que tivemos o privilexio de facerlle:

 

1. Defínete en dúas palabras.

Nai e Compromiso

 

2. Aínda que previamente xa colaboraras en obras con outr@s autor@s, no 1997 publicaches o primeiro ensaio, Os trobadores do Reino de Galiza, (1997, A Nosa Terra). Vinte anos xa e moitos máis libros publicados, que destacarías da túa traxectoria literaria?

Eses vinte anos transcorridos deixan unha herencia de dez libros de autoría única e un bo monllo de colaboracións en volumes colectivos.

O retrovisor do tempo vólveme unha imaxe en que me recoñezo como permanente aprendiz da escrita, como persoa curiosa que canto máis procurou saber máis se descubriu a si propia como membro dunha identidade social e cultural rica e enriquecedora, en re(e)volución constante, que non se resiste a adormecer na noite eterna por outros programada.

A escrita para min segue a ser un reto, un impulso de superación, unha porta para abrir, unha xanela desde a que procurar horizontes máis respirábeis, unha cancela ou valado para arredar e deitar lonxe, un xeito de volver para ficar sempre a facer pé nun mundo presente de enganosas e fraudulentas areas movedizas.

Especialmente nestes últimos anos a escrita foi para min áncora e osíxeno, acubillo protector ante tantas derrotas colectivas.

 

3. Baseándote na túa experiencia como escritora e como docente, pensas que hoxe en día hai canteira de escritor@s en lingua galega?

Teño a certeza absoluta de que si hai relevo xeracional e de que, ademais, pide paso. Exerzo a docencia desde 1996 e xa teño visto e lido obra literaria do meu alumnado, mesmo publicada. En maio de 2016 tiven a inmensa alegría de presentar o primeiro poemario dun exalumno, Álvaro Antelo. Pode haber alegría e orgullo maior?

Malia non estar a expresión e a creación literaria entre os focos de atención mediática e valoración positiva que se priman desde os círculos que pretenden incidir na mocidade, o certo é que a miña experiencia me fai comprobar que pensarse, sentirse e expresarse é como unha tea de araña en que é difícil non acabar presa xa na adolescencia.

Mágoa que a expresión literaria apenas dispoña de atendemento no currículo escolar nin nunca se avalíe en ningún deses informes que pretenden convencernos do que é realmente imprescindíbel, evitando sempre a valoración sobre o desenvolvemento da capacidade de pensar e a formación humanística.

b2ap3_thumbnail_1413285183537MercedesQueixas-por-EduardoCastroBal-2014-05.jpg

 

4. Que botas en falta por parte dos e das responsábeis polític@s en materia de promoción da literatura en galego? Que actuacións lles pedirías a medio e longo prazo?

Estraño que a coñezan e, polo tanto, se orgullen e acrediten no enorme potencial da literatura galega. Non lembro ter escoitado nin visto que a lectura estea presente nos seus comunicados máis persoais, nas súas redes sociais, máis aló dos discursos oficiais programados. Se a lectura fixese parte do seu día a día convidarían a incorporala por mímese ao tempo de todas nós. Non hai como unha boa práctica para aplicar calquera teoría. É terríbel que o presidente da Xunta de Galiza non saiba mencionar correctamente o nome do poemario Cantares gallegos de Rosalía de Castro.

En absoluto se procuran acrecentar espazos de visibilidade da nosa literatura a través dos medios de comunicación de titularidade pública.

Non comprendo tampouco como non se está a desenvolver a Lei do Libro. Inexplicábel ou comprensíbel, dependendo da intención. Non son quen de comprender a importantísima mingua de compra de novidades literarias para dotar as bibliotecas públicas e permitir o acceso democrático á lectura, ao coñecemento.

Asistimos tanto en materia de lexislación cultural como lingüística, a esa concepción de seren estes ámbitos de segunda ou terceira, sobre os que se pode lexislar para atrancar o seu paso firme e imparábel. A cultura é un espazo vertebrador e cohesionador da sociedade, ao igual que a lingua de noso, mais non se está a entender así este patrimonio que nos fai ser parte singular dentro dunha colectividade multicultural e plurilingüe.

Se algún espazo cultural se pode considerar próximo a ese aínda procurado estatus de normalidade é a literatura galega, grazas a tantas creadoras que o ensancharon até chegar a todos os públicos, xéneros literarios, actualización de ferramentas e espazos de visibilidade etc. Mais non é suficiente, cómpre fidelizarmos lectorado e iso é imposíbel se o libro e a lectura non ocupa tempos e espazos de comunicación e socialización adecuados aos hábitos do presente.

En definitiva, falta moita vontade e compromiso para que a Administración galega asuma a súa responsabilidade á hora de visibilizar, apoiar, difundir e internacionalizar a literatura galega.

 

5. Desde a Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega impulsades desde hai varios anos o Día de Rosalía cada 24 de febreiro (día de nacemento da nosa autora máis internacional). Como xurdiu esta fermosa idea e como ves ti, desde a Secretaría Xeral da AELG, a evolución e a acollida ao longo deste tempo?

Sempre se recoñece Rosalía de Castro como a escritora máis popular da nosa xénese literaria. É a escritora que nos convoca a toda a sociedade. É certo e a mellor maneira de o comprobarmos foi dándolle á sociedade ideas para que a celebrase publicamente. Cumpría colocar esa data do 24 de febreiro no espazo público das nosas celebracións colectivas, como demostración de orgullo pola actitude, pensamento e obra literaria dunha autora pioneira que nos entregou todo con todo un tempo en contra.

A acollida non deixou de medrar ano tras ano desde 2010 e a memoria desta actividade, accesíbel desde a web da AELG, é espello fiel da implicación, e tamén do afecto, social, de persoas e colectivos que seguen a precisar ler e comprender Rosalía de Castro, mesmo agora en que se cumpren os 180 anos do seu nacemento. Unha obra como a súa que sobrevive ao tempo sen perder frescura só pode ser asinada por unha autora de altísima cualidade.

O feito de que a sociedade se autoorganice para celebrar este día de múltiples xeitos é unha satisfacción, mais tamén é a constatación da importancia de termos referentes que nos reconcilien ou reencontren connosco e coa nosa historia como galegas de nación.

 

6. #RosalíaTe é a etiqueta escollida este ano para difundir a iniciativa. En que grao consideras importantes as redes sociais para espallar tanto esta iniciativa como todas as que leva a cabo a AELG? Pensas que a repercusión mediática da AELG é a desexada?

Cada convocatoria supera as anteriores en expectativa e resposta social, mais tamén é certo que cada ano procuramos dar cunha proposta que siga a resultar impactante, suxestiva, atraente para unha sociedade como a actual. Por iso é fundamental movernos en rede e unha obra e pensamento tan de presente como o de Rosalía non pode ser privado de ningún ámbito ou espazo de socialización, de comunicación.

As redes sociais teñen un potencial de divulgación infinito que permite unha retroalimentación estupenda e moi necesaria, mais toda a actividade que se xera ao redor dos centros de ensino tamén é fundamental por canto achega un referente galego como o rosaliano en que é tan doado recoñecérmonos. Este recoñecemento nela, desde a perspectiva de hoxe, era o que procurabamos estimular co cancelo #RosalíaTe.

Con todo, e malia o tempo transcorrido e a sintonía social conseguida, a AELG seguirá a reivindicar que poidamos volver acceder libremente ao Panteón de Galegos Ilustres, a súa derradeira morada. Na actualidade é un lugar pechado, un cárcere para quen quixo ser espírito libre, unha irresponsabilidade compartida polo goberno galego e a igrexa para o que demandamos unha solución reparadora.

 

7. Cómo ves a situación da cultura galega en xeral? E como profesional, da literatura en galego en particular?

Véxoa como un espazo de resistencia proactiva, como un potencial creador e innovador con vontade de ser, un territorio común, integrador, inclusivo, que abrangue moitos territorios de expresión, desde o da evasión até o de formación do lectorado ou a configuración dunha voz social crítica baseada nos principios da xustiza e da igualdade. De sempre as escritoras e os escritores, a xente da cultura en xeral, foron voces marcadas polo seu compromiso social. Tamén agora segue a acontecer na literatura, na cultura galega, mesmo asumindo por iso censuras e vetos. Un pobo que acredita na súa cultura propia é un pobo con futuro de seu.

 

8. Que pensas que debemos facer a xente da rúa a cotío para promover a nosa cultura?

Non é doado tendo en conta que vimos dun pasado que foi negador para coa cultura galega, que a infravalorou e marxinou como é habitual en nacións sen estado e sometidas a un proceso de colonización.

Tampouco axuda este presente onde, amparándose nunha crise económica, as autoridades optan por reducir drasticamente o investimento en cultura, o que implica un maior empobrecemento do pobo.

Menos aínda axuda o desprestixio dunha parte mínima da sociedade que fai o posíbel por levantar muros contra o idioma que nutre unha cultura propia. Indigno é que desde o propio goberno, que existe en virtude do carácter e identidade nacional galego, se limite, censure ou mesmo prohiba o uso do noso idioma como está a acontecer desde 2010. Se non estimas, valoras e comprendes unha lingua, por que te vas achegar á súa expresión literaria, musical, dramatúrxica etc.?

Demandar ese dereito a ser perceptoras de cultura paréceme irrenunciábel, participar nos convites que nos fai a chamada cultura de base -asociacións, colectivos veciñais...- é importante, programar e poñer en valor na nosa vida cotiá e nas nosas relacións co contorno a participación en actos culturais tamén. Sermos inconformistas, en definitiva, e esixentes connosco porque a cultura só nos pode facer mellores persoas e, en consecuencia, mellores sociedades.

 

9. A cultura galega en xeral, recibe moitos premios internacionais. Somos máis valoradas fóra?

Temos, efectivamente, unha alta valoración fóra. Somos posuidores dunha historia culta que procede da Idade Media, gozamos dun patrimonio material e inmaterial envexado. A cultura galega debía ser a cerna do noso modelo de turismo interno e externo e dar a coñecer os recoñecementos no exterior sería sen dúbida un bo xeito de axudar a superar a baixa autoestima da que goza aínda unha boa parte da sociedade galega, moitas veces insconscientemente ou por ausencia de formación. Cando nos explicamos, cando nos coñecemos, querémonos. Para min, ese é o camiño.

 

10. Cal é o próximo proxecto no que está a traballar Mercedes Queixas?

Hai cartafoles con escritos que aínda deben agardar a súa maduración, mais en primicia podo adiantarvos que estou a preparar a edición dun conxunto de contos infantís inéditos de Mª do Carme Kruckenberg Sanjurjo que poderedes ler contra mediados de ano.

 

Enlace ao blogue de Mercedes Queixas:

http://mercedesqueixas.blogaliza.org/

Imaxes: Eduardo Castro Bal

0

Comentarios

  • No hay comentarios por el momento. Se el primero en enviar un comentario.

Deja tu comentario

Invitado Domingo, 22 Diciembre 2024