Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias, asinaron o acordo de colaboración para o desenvolvemento do programa de actividade da entidade, centrado na promoción da literatura galega.
A Deputación comprométese a achegar 30.000 € para o desenvolvemento dun programa que se realiza ao longo do ano e que, entre outras iniciativas a actualización de contidos na web de autores e autores, a asesoría laboral e fiscal para creadores ou o mantemento das infraestruturas tecnolóxicas de comunicación da entidade. Ademais, o convenio anual das dúas entidades, aprobado por unanimidade no pasado pleno, recolle o desenvolvemento de novas actividades da "Escola de escritores e escritoras" como un obradoiro de creación ou a incorporación de novos materiais da recollida de tradición literaria oral que a entidade está a promover.
Como conmemoracións literarias anuais, a Deputación apoia a realización da homenaxe anual "O/A Escritor/a na súa Terra- LetraE" ou a Gala do Libro Galego en que se entregan os premios que, desta volta con outras entidades profesionais do sector, recoñecen autores e autoras dos distintos xéneros ademais doutras iniciativas arredor do libro.
De especial relevancia teñen tamén as actividades encamiñadas á difusión das novidades editoriais e literarias que a AELG realiza a través da rede e, de maneira especial, por medio da súa axenda cultural, actualizada con convocatorias e actos de socios e socias ademais de premios literarios ou congresos que forma parte do programa de actos que se recolle no acordo. Finalmente, a Asociación comprométese a elaborar, por medio de socios e socias, de roteiros literarios pola provincia para a sección "Territorio Escritor/a".