Blog de tuplace

Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local

  • Inicio
    Inicio Aquí es donde puedes encontrar todas las publicaciones del blog.
  • Categorías
    Categorías Muestra una lista de categorías de este blog.
  • Etiquetas
    Etiquetas Muestra una lista de etiquetas que se han utilizado en el blog.
  • Bloggers
    Bloggers Busca a tu blogger preferido.
  • Blogs de Equipo
    Blogs de Equipo Busca tu equipo de blog preferido aquí.
  • Acceder
    Login Tu cuenta

Ledicia Costas: 'Hai que darlle unha oportunidade á cultura galega e entrar nela sen prexuízos'

por en Entrevistas
  • Tamaño de fuente: Mayor Menor
  • Visitas: 15529
  • 0 Comentarios
  • Suscribirse a las actualizaciones
  • Imprimir
15529

Entrevistamos a Ledia Costas, un dos nosos grandes valores da escrita, galardoada, entre outros, co Premio Nacional de Literatural Infantil e Xuvenil.

Ledicia Costas, natural de Vigo, é unha escritora galega. Empezou a escribir desde moi nova, sendo unha autora versátil que transita os máis diversos temas, estilos e xéneros. A súa primeira novela publicada foi Unha estrela no vento (Edicións Xerais 2000), libro que escribiu cando era unha adolescente e que actualmente vai pola 17ª edición. Mentres cursaba os seus estudos de Dereito gañou diversos premios literarios convocados pola universidade, tanto de relato como de poesía.

Nos últimos anos recibiu importantes recoñecementos, coma o Premio Merlín de literatura infantil, pola súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta. Por ese mesmo libro, o Ministerio de Cultura concedeulle o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2015. Ademais, Escarlatina entrou a formar parte da prestixiosa Lista de Honra do Ibby no Congreso Internacional celebrado en Auckland, Nova Zelanda, no 2016.

Traducida a varias linguas, Escarlatina, a cociñeira defunta tivo unha gran acollida polo público infantil, vendendo 20.000 exemplares en Galicia desde a súa publicación. Foi cualificada coma unha obra “extraordinara, humorística e rompedora, que destaca pola súa sinxela lectura, humor escalofriante e con grande habilidade para desmitificar o tema da morte”.

Coa novela de aventuras Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta conseguiu o Premio Lazarillo de creación literaria do 2015 e o Premio Fervenzas Literarias á mellor obra de literatura xuvenil do ano 2016.

O seu libro de relatos sobre a II Guerra Mundial Un animal chamado néboa, recibiu por unanimidade o Premio Losada Diéguez de creación literaria 2016. O xurado destacou que o conxunto de relatos que configuran esta obra «conseguen demostrar a condición global da memoria dos traumas da nosa historia recente, grazas a un hábil manexo de innumerables fontes documentais», incidindo no feito de que a autora «ofrécenos unha crónica do mellor e do peor da condición humana».

 

Esta é a entrevista que lle fixemos:

 

1.Defínete en dúas palabras.

Empática e perseverante.

 

2. Cando soubeches que querías ser escritora?

Desde cativa. A ilusión de chegar un día a ser escritora foi algo que me acompañou desde os dez ou once anos. Mais non me sentín escritora ata o ano 2014. Foi un camiño longo.

 

3. Escarlatina, a cociñeira defunta, leva vendidos 20.000 exemplares e acadou numerosos premios mais, en que medida pensas que axudou a que a rapazada se interesara por libros en galego?

É certo que se creou unha comunidade lectora arredor de Escarlatina e do seu universo. Unha comunidade esixente, que demanda máis libros, que fai peticións sobre os camiños por onde debe ir a historia, que me recrimina (no bo sentido) que me estou demorando de máis coa seguinte entrega. Nese sentido son consciente de que ese exército de pequenas lectoras e lectores non cuestionan a lingua do libro. Todo o contrario. Esa rapazada quere ler as historias de Escarlatina en galego, exclusivamente.

De xeito paralelo, hai un devalo evidente no emprego e coñecemento da nosa lingua que, sobre todo, afecta ás xeracións máis novas, a esa rapazada en idade de ler Escarlatina. A situación pode semellar contraditoria, mais aí está. Obsérvoo cada día, nas escolas que visito. Os prexuízos contra a lingua fan moito dano. Unha actitude positiva con respecto ao galego, provoca o efecto contrario.

 

4. As peripecias de Extravaganzza Pérez inaugurou a colección de títulos do Salón do Libro de Pontevedra. Cóntanos como viviches a experiencia.

Foi algo moi especial. Construín a historia pensando no equipo de traballo que se ía encargar de toda a decoración do Salón do Libro. Pensei en que se deseñaba unha aventura en forma de viaxe, onde a protagonista visitase lugares peculiares, con características moi marcadas que os diferenciasen entre si, facilitaría a posta en escena. O certo é que a primeira vez que entrei no Salón, con toda a montaxe feita, emocioneime.

En verdade, entrar no Pazo da Cultura de Pontevedra era como entrar de xeito físico dentro do libro. Os personaxes, os espazos, as ilustracións de Óscar Villán… todo estaba alí dentro, a tamaño natural. Podías visitar Casa Pavo, entrar en Nocturnia, pasar por Océano Verdura. Unha verdadeira gozada! O Salón do Libro ten un equipazo. A nivel de fomento da lectura fan un traballo impagable. E coa iniciativa de crear un libro para cada edición, coido que abriron unha senda pioneira no Estado Español.

 

5. As protagonistas femininas son unha constante nas túas novelas, é necesario darlle voz ás mulleres desde a literatura dirixida @s máis nov@s?

Para min é imprescindible. Vivimos nunha sociedade construída por e para os homes. Intento que a literatura sirva tamén para desmontar roles, romper tópicos, plantexar dúbidas. E, sobre todo, visibilizar as mulleres. Mulleres valentes, autosuficientes, independentes, fortes, loitadoras. Nenas que saen da norma, mozas que se cuestionan o mundo no que viven. A literatura é a ferramenta da que dispoño para falar das cousas que me preocupan. A situación da muller e o papel que desempeña na sociedade é unha das que máis. Iso si: fuxindo do didactismo.b2ap3_thumbnail_LEDICIA_foto1.jpg

6. É posíbel vivir da escrita en galego?

Si, é posible. Sei que nese sentido rompo a norma. Non é fácil, hai que estar disposta a facer moitas renuncias. Eu abandonei o despacho no que traballaba como avogada. A única maneira de saber se era posible vivir da literatura era correndo o risco. Tiña que comprobalo por min mesma. Estaba cansa de escoitar que era imposible, de ver nas redes estatísticas da escasísima porcentaxe de autoras e autores que viven da literatura no Estado Español, de ter que escribir nos ocos libres, a duras penas. Eu quería facer da escrita o meu oficio e o meu modo de vida. E fíxeno, ignorando consellos, porcentaxes e toda clase de comentarios. Sei que son cuestionada por este motivo. Non entrarei a valorar iso. O que si podo dicir é que hai que producir de xeito constante, traballar arreo, deixar a alma en cada libro. O nivel de capacidade creativa non pode minguar. Tamén é necesario conseguir crear unha comunidade lectora, ter editores que te apoien (nese sentido eu síntome tan afortunada como agradecida) e lograr exportar desde o galego.
 

7. Cómo ves a situación da cultura galega en xeral? E da literatura en particular?

Por desgraza, as nosas creadoras e creadores (refírome a músicos, ilustradoras, cineastas, pintores, escritoras, bailaríns, etc.), en moitas ocasións son máis valorados fóra que dentro. Por nomear algún: a ilustradora Emma Ríos, o cineasta e ilustrador Alberto Vázquez, a percusionista Lucía Martínez… Teño a sensación de que hai unha fuga de talentos que a industria cultural galega non é quen de reter. A Administración Pública non debese permitir que se dera esta situación. Para min é indispensable que a Administración coide aos talentos que fabrican o tecido cultural. Mais semella que traballamos á marxe. Como é posible que Lucía Martínez se estea facendo oco na esixente escena berlinesa e teña dificultades para presentar o seu traballo en Galicia? A este respecto lembro o discurso que deu un dos cooperativistas de NUMAX na Gala dos Premios da Cultura Galega 2016, ao recoller o galardón na categoría de Audiovisual. Hai industria cultural, mais ás veces semella que botan terra por riba dela. As creadoras e creadores non temos o apoio que merecemos.

Con respecto á literatura dáse ademais unha situación curiosa. Nos últimos tempos está tendo lugar unha interesante reactivación das traducións desde o galego a outras linguas, é un feito que creo que cómpre sinalar. Cando viaxo fóra de Galicia, escoito comentarios do tipo: que ben escribides os galegos, canto talento tendes. Porén, na propia Galicia, por veces teño a sensación de estarmos rodeadas de francotiradores. Hai unha especie de fixación por repetirnos o mal que facemos as cousas. Négome a caer nesa trampa. O único que para min importa é a literatura e o lectorado. O demais é ruído e non me interesa.

 

8. Que pensas que debemos facer a xente da rúa a cotío para promover a nosa cultura?

Consumir produtos galegos, mais non só por militancia. O tecido cultural galego é grande, de seguro que existe un tipo de produto, de obra, para cada tipo de consumidor. Mais para iso hai que darlle unha oportunidade á cultura galega e entrar nela sen prexuízos.

 

9. Cal é o próximo proxecto de Ledicia Costas? En que andas a traballar?

Ando a traballar nunha edición especial de Escarlatina. Vai ser un libro alternativo, cunha edición moi coidada e cheo de ilustracións de Víctor Rivas. Un libro no que estamos poñendo todo o corazón. Mais este ano haberá outras sorpresas. O segundo semestre do 2017 será frutífero.

 

COLLEITA PROPIA: Dúas frases para decir o que che pete ;)

Xa que me dades a posibilidade de expresar nestas últimas liñas o que considere, quixera agradecervos o interese e a oportunidade desta conversa. Para existir, necesitamos ser visibles.

 

 

0

Comentarios

  • No hay comentarios por el momento. Se el primero en enviar un comentario.

Deja tu comentario

Invitado Sábado, 23 Noviembre 2024