Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local
A mostra, organizada polo Museo do Pobo Galego e a Fundación Antonio Fraguas Fraguas repasa a biografía e a obra do homenaxeado, historiador orixinario de Cotobade, no Día das Letras Galegas. Trátase dunha exposición rigorosa e feita co corazón que repasa o legado intelectual ético e humano de Fraguas ao tempo que enxalza a lingua e cultura galegas.
O recoñecemento a Antonio Fraguas no Día das Letras Galegas deste ano permite destacar o papel dun home “que pensou sobre Galicia pensando na construción de Galicia”, xa que no seu labor como xeógrafo e historiador “tratou de expor e explicar o noso pasado e a nosa tradición para ofrecer sólidas bases de futuro”.
A exposición consta de dúas seccións, unha de contido biográfico que presenta un itinerario ao longo da vida do intelectual de Cotobade, con especial atención á súa traxectoria como galeguista, e outra na que se abordan as diferentes vertentes nas que exerceu o seu traballo intelectual. Permanecerá aberta ao público até o 28 de decembro, data do 114 aniversario do homenaxeado no Día das Letras Galegas.