O vindeiro 2 de maio bota a correr a iniciativa que move máis rapaces e rapazas a favor da lingua. Co lema "O galego está en nós" as carreiras atravesarán vilas e cidades do país, entre elas, A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela.
A xa tradicional carreira de promoción da lingua inicia unha nova edición cun cartaz no que diversas persoas, entre elas varias caras coñecidas como o actor Federico Pérez, a escritora Ledicia Costas, a música Sés ou o gardameta Sergio Álvarez apoian unha nova campaña que ten como obxectivo incidir na xente máis nova para promocionar o uso do galego, finalidade que conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña, da que é responsábel a vicepresidenta Goretti Sanmartín.