O volume xunta 270 cartas escritas ou remitidas a quen foi presidente da RAG, Sebastián Martínez-Risco, co galeguismo exterior de 1960 a 1977 nunha edición ao coidado do profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato
Eduardo Blanco-Amor, Xosé Neira Vilas ou Luís Seoane son algúns dos moitos persoeiros da Galicia na diáspora que intercambiaron cartas co xurista, escritor e académico Sebastián Martínez-Risco (Ourense, 1899 – A Coruña, 1977). 270 desas cartas foron recollidas no libro Onde ferve o amor por Galiza. Correspondencia do galeguismo exterior con Sebastián Martínez-Risco (1942-1977), edición ao coidado do profesor da Universidade da Coruña publicada pola Deputación da Coruña.