Presentouse en Pontevedra a edición que terá lugar do 2 ao 4 de decembro no Pazo da Cultura para dar conta tanto das manifestacións artísticas que conforman o panorama cultural galego como dos novos xeitos de traballar neste ámbito
A organización de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, fixo pública hoxe a programación da súa novena edición, que terá lugar no Pazo de Cultura de Pontevedra os días 2, 3 e 4 de decembro. Serán máis de 120 actividades, tanto profesionais como para o público xeral, a través das que se buscará dar conta do dinamismo deste sector en Galicia, así como dos novos xeitos de traballo en comunidade en diferentes ámbitos artísticos.