Milleiros de persoas, procedentes de toda Galiza, participarán nos concertos do 24 e 25 de xullo no campus sur de Santiago de Compostela.
No Festigal 2016 tocarán Kepa Junkera & Sorginak, Poetarras, Arrhythmia, Biribirlocke, Falua, Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel, AldaoLado e Fanfarria Taquikardia. Ademais, nesta XV edición, abrirá Esposa, a banda gañadora do concurso Novos Valores, haberá un espectáculo de maxia con Martín Camiña e a charanga Os Campantes da Baña amenizará a festa.
O evento será o 24 e 25 de xullo, no campus sur de Santiago de Compostela e está organizado por Galiza Nova e pola Fundación Galiza Sempre. “O Festigal é un grande espazo reivindicativo e festivo arredor do Día da Patria Galega que une música, letras, ideas e debates; un escaparate da cultura do país que serviu durante estes anos para o lanzamento de grupos de artistas agora consolidados”, explicou Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova. “O reto deste ano do Festigal é incrementar as 20.000 persoas que asistiron na edición pasada”, engadiu.