A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, visitou a sede de Cántigas da Terra e destacou o importante papel de promoción cultural desenvolvido nos seus cen anos de historia.
Na súa visita á sede de Cántigas da Terra, a responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, comprometeuse a apoiar a celebración do centenario de Cántigas da Terra, coro fundado na Coruña en 1916, o mesmo ano do nacemento na cidade das Irmandades da Fala con que mantiña estreitas relacións.
O presidente de Cántigas da Terra, Hugo López e o arquiveiro, Moncho do Orzán, recibiron a Goretti Sanmartín e, en especial, abriron o arquivo histórico da entidade, que atesoura importantísima documentación da traxectoria do coro e, en xeral, da historia musical e cultural galega.