Blog de tuplace

Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local

  • Home
    Home This is where you can find all the blog posts throughout the site.
  • Categories
    Categories Displays a list of categories from this blog.
  • Tags
    Tags Displays a list of tags that have been used in the blog.
  • Bloggers
    Bloggers Search for your favorite blogger from this site.
  • Team Blogs
    Team Blogs Find your favorite team blogs here.
  • Login
    Login Login form

Xurxo Lobato: 'Estamos faltos de orgullo de galegos'

by in Entrevistas
  • Font size: Larger Smaller
  • Hits: 14384
  • 0 Comments
  • Subscribe to this entry
  • Print
14384

Co gallo da aterraxe na Coruña da súa espectacular exposición itinerante 'Airiños aires. Rosalía', entrevistamos ao gran fotógrafo coruñes Xurxo Lobato.

Xurxo Lobato Sánchez, nado na Coruña, é un fotógrafo e fotoxornalista galego. É membro da Real Academia Galega de Belas Artes "Nosa señora do Rosario".

En 1977 foi fotógrafo colaborador nos seguintes xornais e revistas: Teima, Man Común, A Nosa Terra, correspondente gráfico de El País e a Axencia Cover, Cambio16, Vogue, Elle, Telva, Geo, Feinsmeicker, Dier Spiegel, El Mundo, La Vanguardia, El Periódico,El Dominical, El Semanal, National Geographic, Historia National Geographic, Viajar, Spain Gourmetour, Sobremesa e Capital.

En 1980 comezou a traballar en La Voz de Galicia, onde desde o 1986 é xefe de fotografía e coordinador da axencia Voz Noticias. Chegou a ser redactor xefe de fotografía e Arquivo Gráfico de La Voz de Galicia até 2004. Entre 1990 e 1991 foi director do seminario Fotoxornalismo no Centro de Enseñanzas da Imaxe (CEI) de Santiago de Compostela.

En 1981 participou na viaxe do Xurelo á Foxa Atlántica, onde realizou un traballo fotográfico que axudou na paralización dos verquidos radioactivos.

De 1993 a 2002 foi profesor de Fotoperiodismo na Escola de Medios de Comunicación de La Voz de Galicia, na Universidade da Coruña. En 1996 foi nomeado director do seminario Fotoperiodismo y comunicación visual.

En 1997 foi director do seminario Imaxe e información, da UIMP. Un ano despois foi o coordinador do Encontro A fotografía como memoria histórica, organizado polo Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. Así mesmo, participou noutros seminarios sobre fotoperiodismo e fotografía dixital.

Dende 1998 a súa obra chegou ao público a través de numerosas exposicións e publicacións, tanto individuais como colectivas. Asemade recibiu múltiples premios e bolsas en recoñecemento ao seu traballo, que se atopa representado en moitas das mellores coleccións de centros de arte de España

Asímesmo foi comisario de diversas exposicións como Nuevos Fotógrafos Coruñeses en 1980, Fotoperiodismo Galego Hoxe en 1983, Miradas en el tiempo en 1986, Galicia a pie de foto en 1987, Mirando al sur en 1992 y Larry Towell en 1997.

Tamén ten realizado numerosas exposicións individuais e colectivas, así como bastantes publicacións e a súa obra atópase en numerosas coleccións particulares e institucionáis. Entre os premios e recoñecementos están o premio da Crítica no Día das Letras Galegas en 1991, o premio Compostela 93, o premio Ortega y Gasset en 2003, o premio Polo prestixio na información, o premio Fotoperiodismo Desarrollo Sostenible en Doñana en 2004, o premio Sumiller Gallaecia en 2005 ou o Gourmand World Cookbook en 2008.

Recentemente ven de presentar na Coruña a exposición itinerante : Airiños aires. Rosalia", exposta no Quiosco Alfonso ata o día 11 de Marzo.

Esta é a entrevista que xentilmente nos concedeu este xigante da imaxe gráfica:

 

1. Defínete en dúas palabras.

Retrateiro curioso.

 

2. Cunha traxectoria tan ampla no mundo da fotografía, que lle queda a Xurxo Lobato por retratar?

A vida cambia, o mundo cambia, sempre hai algo por retratar.

 

3. Vendo a paisaxe galega tan ameazada pola ambición das grandes empresas, que recuncho da nosa terra fixarías co teu obxetivo?

E tamén pola falta de sensibilidade da cidadanía. Aínda estamos a tempo de preservar A Costa da Morte, Os Ancares, O Courel…..o que aínda non está desfeito témolo que coidar e protexer.

 

4. Cales son as claves para chegar a ser un gran reporteiro gráfico?

Entender a fotografía como linguaxe de comunicación. Formacioón técnica. Capacidade crítica. Formación humanista. Estar informado do que acontece. Ser curioso e nunca darse por satisfeito. E por suposto as fotos non as fai a cámara….é o talento. E o talento hai que cultivalo.

 

5. Estás a percorrer o país con Airiños Aires Rosalía, a túa última exposición fotográfica. Como xurde este fermoso proxecto?

A miña necesidade de homenaxear , a través da fotografía, a unha das figuras simbólicas da identidade galega. Quería rachar con certa tendencia que asocia Rosalía ou cultura galega a algo do pasado, vello, rancio….Rosalía é moderna, conciencia social na mirada aos labregos, galeguidade no sentimiento de País. Unha muller con personalidade propia, feminismo, ecoloxista no seu amor ó territorio. b2ap3_thumbnail_XurxoLobato2.jpg

Un proxecto destas características é un reto fotográfico. Desde a linguaxe visual, aproximarse a alguen que destacou na escrita e no século XIX, é complexo. Este proxecto de libro e máis exposicion é unha mirada moi personal hacia Rosalía. É a miña interpretación polos lugares que habitou e mais os espazos de inspiración para súa obra. Non é unha exposición documental sobre Rosalía.

 

6. Se poideses fotografar a Rosalía en vida, que momento da súa vida elixirías?

Cando era nova e alegre, unha muller con iniciativa, con personalidade propia. Con ambición literaria. A moza que foi á Romería da Barca e foi feliz….

 

7. Neste 2017 no que estamos, que queda dese “País do Nunca Máis”?

Nunca Máis foi un movemento de autoestima colectiva moi importante. Son pesimista, ou millor realista, e estamos faltos de orgullo de galegos. Ese é un dos problemas claves para o desenrolo do País. Nunca Máis foi un paso…..pero se deron moitos pasos atrás tamén….

 

8. Cómo ves a situación da cultura galega en xeral?

Se a miramos cara atrás o avance é importante e nunca tanta calidade e intensidade houbo. O idioma nunca tivo tanto recoñecemento oficial. Todo pola resistencia e perseverancia dos sectores con máis conciencia da galeguidade.

Mais si o miramos cara ó futuro, a língua está en retroceso, non é útil, e a xente nova non a fala. É un problema que non se arranxa só con leis e decretos. Só cando teñamos orgullo de ser galegos, de ser nós no mundo, a cousa poderá cambiar.

A cultura do Pais está na literatura, música, arte, audiovisual penso que con calidade homologada a outros países do entorno. Segue tendo un peso excesivo a escrita, ás veces parece que só a literatura é cultura. Neste aspecto a fotografía segue a ser a esquecida e minusvalorada.

 

9. Que pensas que debemos facer a xente da rúa a cotío para promover a nosa cultura?

Pois consumir cultura galega, sen complexos. Non pensar que o feito en español ou ingles é millor. Ás veces si, e outras non. A maioría do país mira con recelo o noso, hai que superar o complexo de inferioridade. Non só é cousa de axudas oficiáis e política cultural, que tamén.

A presión tan forte da cultura hexemónica anglosaxona que barre con todo e uniformiza. A TVG non é a tele gaita, é a TV que fala de nós, ás veces gustamos e outras non, pero moito máis digna como TV que moitas xeneralistas españolas. E así máis casos……

 

10. Cal é o próximo proxecto de Xurxo Lobato? En que andas a traballar?

“Vento nas velas”. Un proxecto sobre o Patrimonio Marítimo Galego e as embarcacións tradicionáis.

 

COLLEITA PROPIA: Dúas frases para decir o que che pete ;)

Igualdade, fraternidade e galeguidade.

Soño que fotógrafos galegos como Jose Suarez, Ksado, Pintos, Pacheco, Manuel Ferrol,…. teñan a mesma consideración de creadores na cultura galega que Rosalía, Castelao, Curros, Pondal, ……

 

0
Trackback URL for this blog entry.

Comments

  • No comments made yet. Be the first to submit a comment

Leave your comment

Guest Sunday, 22 December 2024