Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local
O poeta chairego é a quen foi adicado este ano o Día das Letras. “A música amorosa das palabras” clausura os actos que tiveron lugar perante estes doce meses, mais non da por finalizado o espallamento da súa obra que leva a cabo, dun xeito fermoso e incansábel, a Fundación Manuel María, organización encargada de achegar a súa obra a todos os recunchos do país. Esta entidade ten o obxectivo de manter a memoria e o legado do poeta chairego, así como a súa investigación e divulgación.
Déronse cita artistas de luxo coma Uxía, que interpretou varias cancións do seu álbume “Uxía canta a Manuel María” onde pon música e voz aos poemas do autor e estivo acompañada por Sérgio Tannus, Santi Cribeiro e Paulo Silva. Tamén subiron ao escenario Xabier Díaz e Guillerme Fernández, que interpretaron máis poemas musicados.
O público completamente entregado abarrotaba o Teatro e non deixou de corear e de aplaudir a rabiar durante todo o concerto que tivo o seu punto álxido cando Uxía e os músicos baixaron ao patio de butacas a facerlle homenaxe a Saleta Goi. Un xesto que, sen dúbida, pervivirá na súa lembranza e na de todas as presentes.