Blog de tuplace

Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local

  • Home
    Home This is where you can find all the blog posts throughout the site.
  • Categories
    Categories Displays a list of categories from this blog.
  • Tags
    Tags Displays a list of tags that have been used in the blog.
  • Bloggers
    Bloggers Search for your favorite blogger from this site.
  • Team Blogs
    Team Blogs Find your favorite team blogs here.
  • Login
    Login Login form

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia celebra o seu 30º aniversario coa renovación do web e do catálogo profesional

by in Noticias
  • Font size: Larger Smaller
  • Hits: 16446
  • 0 Comments
  • Subscribe to this entry
  • Print
16446

Inclúese un portal específico dos Premios de Teatro María Casares, cunha ampla base de datos e unha ferramenta de votación en liña que se empregará na próxima convocatoria destes galardóns

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) acaba de renovar a súa páxina web e o seu catálogo en liña coincidindo co seu trixésimo aniversario, efeméride que celebra tamén coa creación dunha ampla base de datos dos Premios de Teatro María Casares e dunha ferramenta de votación en liña que se empregará na próxima convocatoria destes galardóns.

Estas novidades foron presentadas hoxe nunha rolda de prensa na que ademais do presidente da AAAG, Vicente Mohedano, participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a delegada en Galicia da Fundación AISGE, Isabel Blanco, en representación de dúas das entidades que colaboraron coa asociación na posta en marcha deste portal web renovado no enderezo www.aaag.gal.

Jacobo Sutil felicitou os responsables deste proxecto, a través do que tanto o sector como a cidadanía en xeral teñen acceso directo ao máis relevante da actividade promovida pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, así como á compilación de nomes, datos, eventos e premios que foron conformando ano a ano a realidade da profesión actoral galega.

Historia da profesión actoral en Galicia
En palabras do director da Agadic, “cunha simple ollada, este novo portal dixital lévanos a tomar consciencia da celebración dun feito relevante para a cultura do país, como é que o colectivo que aglutina os principais intérpretes galegos, tanto no eido escénico como no audiovisual, cumpra 30 anos de actividade continuada”.

Neste sentido, incidiu no relevante papel que desempeñan os principais colectivos que configuran na actualidade o mapa asociativo das industrias culturais galegas. Tamén o presidente da AAAG fixo fincapé neste “traballo necesario” da asociación “en prol da dignificación de toda unha profesión, afondando na defensa dos dereitos laborais, na formación dos actores e actrices e tamén na visibilización do noso teatro, creando os Premios María Casares”.

Para celebrar este trixésimo aniversario, o novo portal recupera a historia da Asociación de Actores e Actrices de Galicia a través de diferentes materiais audiovisuais, como os vídeos nos que algúns dos fundadores do colectivo (Mabel Rivera, Ernesto Chao, Gonzalo Uriarte, Luma Gomez e Rosa Álvarez) reviven ante a cámara o momento da súa creación, o nacemento do Centro Dramático Galego, a negociación do convenio colectivo ou o traballo realizado no ámbito da formación.

A AAAG renovou, ademais, o catálogo en liña dos seus asociados e asociadas, que vén mantendo desde 1990, primeiro en versión en papel e a partir de 2008, en versión dixital. O obxectivo é poñer a disposición dos profesionais do sector e mais do público xeral unha ferramenta actualizada, máis doada de compartir e máis axeitada para a visibilización dos actores e actrices, que poderán editar o seu propio espazo no catálogo, sen intermediación e máis rapidamente.

Premios María Casares
Nesta nova versión da web inclúese, así mesmo, un portal específico dos Premios de Teatro María Casares que, desde a súa creación en 1997, conforman o gran escaparate da escena e unha celebración para todos os profesionais. Neste espazo, atópase unha ampla base de datos relativos aos galardóns, na que se recolle información de gran parte dos espectáculos presentados, as biografías dos profesionais recoñecidos co Premio de Honra Marisa Soto ou os manifestos galegos do Día Mundial do Teatro.

A través deste mesmo portal, disporase por vez primeira dunha ferramenta de votación en liña, de xeito que na próxima edición dos premios todo o sistema de votación desenvolverase a través da rede. O obxectivo é facilitarlle o proceso tanto á organización como ao censo de votantes, integrado por preto de 500 persoas, entre socios, gañadores e finalistas de todas as edicións, críticos, programadores e persoeiros destacables do mundo teatral.

0

Comments

  • No comments made yet. Be the first to submit a comment

Leave your comment

Guest Thursday, 21 November 2024