A ciencia ficción é protagonista no programa desta edición, que ofrecerá tamén unha homenaxe póstuma a Herschell Gordon Lewis, coñecido como o ‘padriño do gore’.
Un total de 26 fitas –cinco longametraxes e 21 curtas– competirán este ano polos premios das seccións Óperas Primas e Curtametraxes da oitava edición do FKM, o festival de cinema fantástico que se desenvolve durante toda esta semana na Coruña. A Consellería de Cultura e Educación volve apoiar esta mostra a través da convocatoria de subvencións a certames audiovisuais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) como un dos seus espazos de exhibición.