No marco da celebración do Womex 2015 na capital húngara, celebrouse unha recepción que serviu como escaparate á marca Galician Tunes.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou o 23 de Outubro en Budapest na presentación da próxima edición de Womex, o meirande mercado internacional da world music, que en 2016 volverá celebrarse en Santiago de Compostela tras o éxito rexistrado na edición que tivo lugar o ano pasado na capital de Galicia.
Durante a súa visita ao Centro Bálna, no que se celebra a actual edición deste evento internacional, o titular do departamento de Cultura da Xunta tivo tamén a oportunidade de comprobar como a música galega está a amosar o seu potencial na feira, a través da participación de sete compañías do país no pavillón GalicianTunes.