A AAAG prescinde da colaboración da Televisión de Galicia pola negativa dos seus responsables a reunirse este ano coa asociación, a mellorar as condicións da retransmisión e a emitir a gala pola primeira canle da TVG nun horario razoable.
A Televisión de Galicia non retransmitirá este ano a gala dos Premios de Teatro María Casares. A decisión tómaa a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) por diferentes motivos, segundo explica nun comunicado.
En primeiro lugar, din, é unha decisión meditada en diferentes asembleas internas da Asociación, nas que se manifestou a necesidade de mellorar as condicións da emisión por parte da TVG ou, en caso contrario, de buscar novas alternativas. Con ese mandato asembleario, a AAAG solicitou ao longo dos últimos meses reunións cos responsables de Programas do ente para propoñerlles cambios e melloras na retransmisión. Non obstante, tal xuntanza nunca tivo lugar.