Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local
Continúa o programa "A Cultura é un dereito" coa organización das xornadas "Mulleres e innovación nas artes intermedias" que terán lugar os días 8 e 9 de abril que contan co comisariado de Rosa Sánchez, directora da compañía de danza e teatro Konic e tamén directora do festival Internacional Ecoss, ecosistemas do inesperado, de Barcelona.
As xornadas complétanse con instalacións, espectáculos e mesas de debate nas que está previsto que interveñan coñecidas artistas e profesionais como Margarita Ledo, María Ruído, Marta Pérez, Belén Montero ou Sonia Méndez.
O programa incluirá a xornada "Elas teñen a palabra" que terá lugar o día 8 de abril e "Elas son dixitais/intermedia" que se desenvolverá o seguinte día, as dúas cun programa que inclúe mesas de debate con especialistas, instalacións e distintos espectáculos ademais de dous obradoiros para os que as persoas que queiran participar teñen que inscribirse con anterioridade.
A comisaria, Rosa Sánchez, destaca que a iniciativa é "un programa de xénero, unha fiestra de visibilidade para as mulleres que contribúen á cultura da innovación tecnolóxica no marco das medias artes". Como artes intermedia contémplanse "a transversalidade que articula e pon en común diferentes disciplinas artísticas conectadas a través das tecnoloxías, desde artes electrónicas á filosofía pasando por artes visuais", segundo a comisaria da actividade.
O primeiro dos obradoiros xira arredor da creación de vídeo poesía e está conducido por Belén Montero, directora de Versogramas. A sesión terá lugar o día 8 ás 15 horas e consistirá nun achegamento teórico-práctico á composición multimedia, de xénero, tecnoloxía e fala. Ao rematar, terá lugar un open lab-impro aberto ao público e conclusión de final do Obradoiro.
"Experimentación audiovisual con interfaces brandas", é o título do obradoiro de creación dixital que terá lugar o día 9 ás 15 horas impartido pola artista, investigadora e docente, María Castellanos que concluirá tamén cunha exposición aberta ao público.