Blog de tuplace

Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local

  • Inicio
    Inicio Aquí es donde puedes encontrar todas las publicaciones del blog.
  • Categorías
    Categorías Muestra una lista de categorías de este blog.
  • Etiquetas
    Etiquetas Muestra una lista de etiquetas que se han utilizado en el blog.
  • Bloggers
    Bloggers Busca a tu blogger preferido.
  • Blogs de Equipo
    Blogs de Equipo Busca tu equipo de blog preferido aquí.
  • Acceder
    Login Tu cuenta

O Festival Revenidas do 19 ao 21 de agosto, reforza a súa aposta pola mestizaxe musical

por en Noticias
  • Tamaño de fuente: Mayor Menor
  • Visitas: 4912
  • 0 Comentarios
  • Suscribirse a las actualizaciones
  • Imprimir
4912

O grupo romanés Fanfare Ciocarlia, o austríaco Russkaja, o valenciano La Raíz, o italiano Talco, o brasileiro Gabriel O Pensador ou os galegos O Sonoro Maxín, Familia Caamagno e Malandrómeda figuran nun cartel internacional de máis de 30 concertos

A organización do festival Revenidas de Vilaxoán, no concello de Vilagarcía de Arousa, presentou hoxe a programación da súa décimo terceira edición, que se desenvolverá do 19 ao 21 de agosto. O encontro reforza a súa aposta pola mestizaxe a través dunha oferta internacional de máis de 30 concertos e 35 actividades culturais e recreativas para todos os públicos.

Co sobrenome de O Festival das Linguas, o encontro contará con dous escenarios nos que soarán, entre outros, os ritmos balcánicos da banda romanesa Fanfare Ciocarlia, unha das pioneiras e máis recoñecidas no seu estilo; o rapeiro brasileiro Gabriel O Pensador, toda unha institución musical no seu país; o ska festeiro do grupo italiano Talco; o rock reivindicativo dos valencianos La Raíz; e os temas contundentes de Russkaja, a banda austríaca de maior repercusión internacional. Haberá tamén unha destacada representación galega, con nomes como Malandrómeda, Familia Caamagno, Poetarras, O Sonoro Maxín ou Cuchufellos.

Xunto con José Antonio Boullosa e Xoán Quintáns, en nome do equipo organizador, interviñeron na presentación celebrada na praia do porto de Vilaxoán os representantes das institucións que colaboran co festival: Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Jacobo Sutil, director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais); Xosé Leal, deputado provincial de Cultura; Santos Héctor Rodríguez; deputado provincial de Turismo; e Sonia Outón Casal, concelleira de Cultura.

Resolución da convocatoria de axudas
Na súa intervención, o director da Agadic subliñou que o de Vilaxoán é por quinto ano consecutivo un dos encontros subvencionados pola Consellería de Cultura e Educación a través do programa de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais a festivais profesionais de artes escénicas e de música. Jacobo Sutil explicou que hoxe mesmo se fixo pública a adxudicación desta convocatoria, mediante a que se achega un total de 220.000 euros a 13 eventos musicais.

En concreto, Revenidas contará cunha axuda de 18.144 euros, cun incremento de 4.300 euros respecto a 2015. Tamén percibirán subvención o Resurrection Fest de Viveiro, o Festival de Jazz de Lugo, o FIV de Vilalba, o PortAmérica de Nigrán, o Sonrías Baixas de Bueu, o Nordestazo Rock de Malpica, Cantos na Maré de Pontevedra, Festival Sinsal Son Estrella Galicia, o Santiautor e o WOS de Santiago de Compostela, o Vertixevigo e mais o Festival da Luz de Boimorto.

O responsable da Agadic referiuse ás Revenidas como un festival de primeira orde que, a partir da súa orixe en 2003 como unha festa popular dos mozos e mozas de Vilaxoán, soubo profesionalizarse desde a simbiose entre cultura e turismo, así como entre a defensa da tradición popular e a mirada aberta ao mundo.

Ao tempo que subliñou este salto cualitativo e cuantitativo, Sutil recoñeceu o traballo dos veciños e veciñas deste barrio mariñeiro de Vilagarcía, da Asociación Repichoca e do voluntariado involucrado no evento, así como a implicación das diferentes institucións públicas e patrocinadores privados.

O festival volverá desenvolverse arredor de dúas localizacións principais: o recinto pechado onde se instalarán os escenarios Mahou e Turismo Rías Baixas para acoller os concertos de pago; e o parque Dona Concha, no porto de Vilaxoán, onde terá lugar a meirande parte das actividades de balde para todos os públicos. Entre estas últimas, destaca a Sardiñada Popular, o Xoubiñas Festi para os máis pequenos, a Gala Solidaria do Circo, a feira de artesanía, intervencións artísticas para conmemoras o Ano Castelao, ou actividades en embarcacións co obxectivo de difundir o patrimonio cultural mariñeiro.

Venda de entradas e acampada
Os bonos de tres días para o Revenidas 2016 están xa á venda en liña, a través do web www.ticketea.com, e fisicamente nos establecementos asociados. Por outra banda, a organización habilitará varias zonas de acampada libre para as persoas que dispoñan destes bonos. 

0
URL de las referencias para esta entrada

Comentarios

  • No hay comentarios por el momento. Se el primero en enviar un comentario.

Deja tu comentario

Invitado Martes, 03 Diciembre 2024