Blog de tuplace

Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local

  • Inicio
    Inicio Aquí es donde puedes encontrar todas las publicaciones del blog.
  • Categorías
    Categorías Muestra una lista de categorías de este blog.
  • Etiquetas
    Etiquetas Muestra una lista de etiquetas que se han utilizado en el blog.
  • Bloggers
    Bloggers Busca a tu blogger preferido.
  • Blogs de Equipo
    Blogs de Equipo Busca tu equipo de blog preferido aquí.
  • Acceder
    Login Tu cuenta

‘Saúde e Terra, irmá(n)s!’ difunde o legado das Irmandades da Fala no seu centenario

por en Noticias
  • Tamaño de fuente: Mayor Menor
  • Visitas: 1451
  • 0 Comentarios
  • Suscribirse a las actualizaciones
  • Imprimir
1451

Ademais das fotografías e documentos reproducidos, a exposición xunta unhas 130 pezas relacionadas coas Irmandades da Fala. Documentos orixinais e primeiras edicións prestadas para a ocasión por máis dunha trintena de institucións e coleccións particulares

O 18 de maio de 1916 nacía na Coruña, nunha xuntanza celebrada na daquela sede da Real Academia Galega, na rúa Rego de Auga, a primeira das Irmandades da Fala. Nas semanas seguintes, este movemento concibido polos irmáns Vilar Ponte coa arela de estender o uso do galego a todos os contextos orais e escritos espallouse rapidamente por Galicia. As Irmandades promoverían ademais un novo rexurdimento cultural e tamén unha nova etapa do galeguismo político. Un século despois, a Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego difundirán o legado dos homes e mulleres que fixeron posible este fito que marcou un antes e un despois na historia de Galicia. Será a través da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, que se inaugurou esta mañá na Fundación Barrié da Coruña, e que, como aconteceu coas Irmandades, se expandirá desde a cidade fundacional por Galicia.

A mostra foi presentada pola vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei; o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi González; e o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. O acto contou ademais coa participación de Cibrán Seixo, que tocou co violín que Manuel Quiroga lle agasallou ao seu amigo Losada Diéguez, unha das pezas históricas que se pode ver na mostra, o Alalá de Muxía e as muiñeiras de Gaos e Quiroga. A interpretación serviu de homenaxe ao músico galego máis internacional e ás Irmandades, para as que Quiroga foi un referente da cultura galega de vangarda que defendían.

Recoller o herdo dunha xeración de vangarda

A vicepresidenta da Deputación da Coruña foi a primeira en tomar a palabra para reivindicar o legado "colectivo" das Irmandades das que, ao seu ver, naceron "proxectos vitais para existirmos como país". Goretti Sanmartín defendeu a necesidade de seguir a súa pegada para "levar á práctica o que fora unha reivindicación teórica de normalización da lingua". Quixo de maneira especial lembrar as figuras de Ánxel Casal e Alfredo Somoza, vicepresidente e presidente da Deputación da Coruña e membros das Irmandades, "que sufriron a represión como tantas das figuras do movemento, polo que é aínda de xustiza recuperar os seus nomes e a súa memoria". O seu carácter vangardista queda á vista, segundo dixo, na mesma exposición mais fixo especial fincapé no papel de mulleres como Elvira Bao, Amparo López Jean, as irmás Chao Manciñeira ou María Miramontes.

Deseguido interveu o presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi González quen salientou o carácter colectivo da organización da exposición como "a mellor homenaxe ás Irmandades, "grazas ás que somos en boa medida o que somos", e reivindicou que se manteña vivo o seu legado. "Esperemos que este centenario sirva para tomar impulso e conseguirmos entre todos os obxectivos das Irmandades da Fala que aínda están por conseguir", concluíu.

Pola súa banda, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, destacou o paso adiante que deron os membros Irmandadades, "xente nova ou con ideas modernas", con respecto aos "sublimes precursores", como os chamaba Antón Vilar Ponte, pasando da teoría á práctica no uso do idioma en todos os contextos. Alonso Montero coincidiu con Sanmartín e Beramendi no desexo de que esta celebración sirva para avanzar nos obxectivos das Irmandades que cen anos despois seguen pendentes en materia de normalización lingüística. "Hai que celebrar as Irmandades da Fala, hai que estudalas, pero en todo caso hai que coller o facho das Irmandades alí onde venceron e tamén onde non foron vencedoras para ver se dentro de vintecinco anos, quizais cen, poida falar con máis optimismo".
A mostra permanecerá na Coruña ata o 30 de xuño (na Fundación Barrié), e posteriormente visitará nos vindeiros meses de 2016 Santiago de Compostela (Museo do Pobo Galego), Vigo (Fundación Barrié), Pontevedra (Museo de Pontevedra), Ourense (Centro Cultural Marcos Valcárcel), Lugo (Museo Provincial de Lugo) e Ferrol (Centro Torrente Ballester). Xa en 2017, unha versión adaptada da exposición amosarase en distintas vilas da provincia da Coruña.

Saúde e Terra, irmá(n)s! contou cunha comisión organizadora na que participaron Margarita Ledo Andión e Henrique Monteagudo en representación da Real Academia Galega, Justo Beramendi e Carlos García Martínez polo Museo do Pobo Galego e Carme Vidal e Uxío Breogán Diéguez pola Deputación da Coruña. O proxecto foi creado, deseñado e coordinado por Pepe Barro.
O percorrido expositivo relata a historia das Irmandades a través de dez temas que profundan na súa cerna. Cada un deles desenvólvese nunha cabina na que se poden ver publicacións, documentos, imaxes e obxectos, así como escoitar gravacións musicais e de discursos e artigos de persoeiros da época. Poderase contemplar ademais unha escolma de pezas artísticas vencelladas aos temas e motivos que moveron a acción das Irmandades dalgúns dos artistas máis relevantes daquel tempo.


Dez espazos para profundar na dimensión global das Irmandades


A través destes dez espazos, o público achegarase á orixe do movemento e á súa evolución, desde a acción centrada en primeiro lugar na normalización do idioma ata a intervención política e os seus principais protagonistas (os irmáns Vilar Ponte, Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo, Antón Losada Diéguez, Vicente Risco...); o novo rexurdimento literario, da man de autores como Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Ramón Otero Pedrayo e Rafael Dieste e de editoriais como Céltiga, Lar ou Nós, dirixida por Ánxel Casal; o intento de conformación dun teatro galego que superase o ruralismo e a aposta polos coros como xeito de chegar ás masas; o compromiso cunha arte galega exemplificada na obra de Castelao, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño ou Francisco Asorey; o cultivo das ciencias sociais e experimentais ao servizo de Galicia, que callou arredor da creación do Seminario de Estudos Galegos, a creación das Escolas do Insiño Galego ou a importancia que lles concederon aos medios de comunicación as Irmandades, que se dotaron do seu propio voceiro, A Nosa Terra, e promoveron a reaparición d'O Tío Marcos d'A Portela, entre outras cabeceiras editadas en Galicia e na diáspora.

Saúde e Terra, irmá(n)s! dá ademais visibilidade á participación das mulleres nas Irmandades da Fala, que apostaron desde o primeiro momento pola "igualdade absoluta, política e civil da muller e do home". Esta declaración dunha asemblea de irmáns e irmás reflicte o compromiso político do movemento nuns tempos nos que o voto feminino aínda tardaría anos en chegar. As mulleres loitan na Irmandade Feminina, creada na Coruña en 1918, participan no teatro, aparecen nas palestras dos mitins e algunhas colaboran n'A Nosa Terra. Con dirixentes como Amparo López Jean, Micaela Chao, Elvira Bao ou María Miramontes, empezaron sendo un medio cento, pero na década dos anos 30 a cifra foi en aumento ata chegaren a ser o 10% da militancia do Partido Galeguista.

Pezas prestadas

Ademais das fotografías e documentos reproducidos, a exposición xunta unhas 130 pezas, documentos orixinais e primeiras edicións prestadas para a ocasión por máis dunha trintena de institucións e coleccións particulares. Entre as pezas integradas nas cabinas, figuran obxectos persoais como as lentes de Vicente Risco e de Ramón Cabanillas, os carnés das Irmandades da Fala de Ramón Villar Ponte e Antonia Pardo, unha plumiña de Álvaro Cebreiro, a máquina de escribir de Valentín Paz Andrade e o violín que Manuel Quiroga doou ao seu amigo Antón Losada Diéguez; o manuscrito autógrafo de Arredor de si, de Otero Pedrayo, outro texto manuscrito do programa da I Asemblea Nacionalista ou a carta-nota ao gobernador civil que anuncia que a Irmandade da Fala se converterá no Partido Galeguista.
O estandarte de "Queixumes dos Pinos" da Coral Polifónica Follas Novas (1922), e obras de arte como os óleos "Soidade", de María Corredoira, "Valle Esmeralda" (1912), de Francisco Lloréns e "Nube da tarde", de Imeldo Corral; e a talla "Galicia, Nai e Señora", de Uxío Souto (1926), tamén forman parte da exposición.

Escoitando as Irmandades

Saúde e Terra, irmá(n)s! é unha exposición para ver, pero tamén para oír. Amosará, e permitirá escoitar, o disco coa primeira gravación do Himno galego, a cargo do Coro Cantigas e Aturuxos de Lugo. A formación musical gravouno días despois de o interpretar no peche da I Asemblea Nacionalista, celebrada en Lugo en 1918, xunto aos membros das Irmandades da Fala, que naquel encontro apostaron definitivamente polo seu carácter nacionalista e deixaron atrás o rexionalismo.
Esta evolución queda tamén patente nos versos escritos por Ramón Cabanillas convertidos no himno "Pregaria" polo irmán Baldomir e interpretado en exclusiva para a exposición polo cuarteto Os Rebentos. Na mostra exhibirase ademais un dos cartóns postais nos que se difundiu a partitura e a letra, na que o poeta se referiu inicialmente a Galicia como "rexión", termo que cambiaría polo de "nación" nunha versión posterior. Outro documento sonoro creado para a ocasión permitirá escoitar a muiñeira para piano que Faustino Temes compuxo para o xornal galeguista Galicia. Diario de Vigo. A cabeceira galeguista, editada entre 1922 e 1926 e da que foi redactor xefe Roberto Blanco Torres, contou entre a súa nómina de colaboradores con distintos membros das Irmandades. A melodía escrita para o xornal serve de fondo musical á creación audiovisual que completa a exposición.

Entidades colaboradoras

O proxecto expositivo de conmemoración do centenario das Irmandades da Fala organizado pola Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego conta co apoio de catorce entidades colaboradoras: a Real Academia Galega de Belas Artes; as fundacións Penzol, Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao, Alexandre Bóveda, Isla Couto, Antonio Fraguas, Galiza Sempre e Moncho Reboiras; o Museo de Pontevedra, o Departamento de Galego-Portugués da UDC e Galiza Cultura.
Ademais dos fondos cedidos para a ocasión pola Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego, a maioría de entidades colaboradoras participan tamén na mostra como prestadoras. Esta homenaxe ás Irmandades amosará tamén documentos e pezas de arte cedidas tanto pola Fundación Barrié, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o Museo Carlos Maside, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Parlamento de Galicia e a Biblioteca Provincial da Coruña, como por particulares, algúns deles familiares de integrantes das Irmandades da Fala.
A exposición conta cunha colaboración especial das áreas de Cultura das deputacións de Lugo, Ourense e Pontevedra que permite a itinerancia nas cidades de Vigo, Pontevedra, Ourense e Lugo. Cómpre tamén mencionar o agradecemento á Fundación Barrié e ao Concello de Ferrol, que abre as portas do Centro Torrente Ballester para a mostra.

Itinerancias de "Saúde e Terra, irmá(n)s!

A Coruña: do 3 ao 30 de xuño. Fundación Barrié.
Santiago de Compostela: do 4 ao 31 de xullo. Museo do Pobo Galego.
Vigo: do 4 ao 28 de agosto. Fundación Barrié.
Pontevedra: do 1 ao 30 de setembro. Museo de Pontevedra.
Ourense: do 6 ao 30 de outubro. Centro Cultural Marcos Valcárcel.
Lugo: do 3 ao 28 de novembro. Museo Provincial de Lugo.
Ferrol: do 2 ao 27 de decembro. Centro Torrente Ballester

0

Comentarios

  • No hay comentarios por el momento. Se el primero en enviar un comentario.

Deja tu comentario

Invitado Miércoles, 23 Mayo 2018