O Auditorio de Galicia acollerá a novena edición do encontro, no que participarán músicos de Arbo, Barro, Lalín, Moaña, Mos, Oleiros, Outeiro, Rábade, Begonte, Padrón, Ribadumia, Silleda, Valga e Vigo.
Doce formacións competirán nas tres seccións a concurso do IX Certame Galego de Bandas de Música, que se desenvolverá os 21 e 22 no Auditorio de Galicia, en Santiago. A Federación Galega de Bandas de Música Populares organiza esta novena edición do evento, para o que conta co apoio económico da Consellería de Cultura e Educación.
O conselleiro Román Rodríguez e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participaron hoxe na presentación do programa, na que tamén interviñeron Armando Morales, presidente da FGBMP, e Jacobo Sutil, director da Agadic. Román Rodríguez incidiu na liña de colaboración emprendida entre estas dúas últimas entidades, que este ano se materializou nunha achega de 70.000 euros por parte da Xunta de Galicia para impulsar dúas das principais actividades desenvolvidas pola Federación, que agrupa 90 formacións e 6.235 músicos de toda Galicia: o Certame Galego de Bandas de Música e o Concurso Galego de Composición para Banda de Música e Sección Sinfónica.