Blog de tuplace

Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local

  • Inicio
    Inicio Aquí es donde puedes encontrar todas las publicaciones del blog.
  • Categorías
    Categorías Muestra una lista de categorías de este blog.
  • Etiquetas
    Etiquetas Muestra una lista de etiquetas que se han utilizado en el blog.
  • Bloggers
    Bloggers Busca a tu blogger preferido.
  • Blogs de Equipo
    Blogs de Equipo Busca tu equipo de blog preferido aquí.
  • Acceder
    Login Tu cuenta

As bibliotecas celebran o seu día cunha programación especial de actividades para todos os públicos

por en Noticias
  • Tamaño de fuente: Mayor Menor
  • Visitas: 4266
  • 0 Comentarios
  • Suscribirse a las actualizaciones
  • Imprimir
4266

Os centros de xestión autonómica convidan á cidadanía a festexar o 24 de outubro con obradoiros, mostras bibliográficas, contacontos, visitas guiadas, concertos, agasallos e liberación de libros

As bibliotecas públicas de Galicia celebran o seu día grande cunha completa programación de actividades coa que convidan a cidadanía a festexar con elas o 24 de outubro. A Consellería de Cultura e Educación, a través dos centros de xestión autonómica, súmase a esta conmemoración con propostas musicais, obradoiros, xornadas de portas abertas, contacontos, visitas guiadas e liberación de libros, que se desenvolven esta semana na Biblioteca de Galicia, nas bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense, da Coruña Miguel González Garcés, de Vigo Juan Compañel, de Pontevedra Antonio Odriozola e de Santiago de Compostela Ánxel Casal.

A ilustración será protagonista na Biblioteca Pública de Lugo e na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel. Na primeira, o venres 23 ás 18:00 horas, co obradoiro ‘Contando en viñetas’, no que Noemí López introducirá os nenos e nenas no mundo da banda deseñada e convidaraos a contar a súa propia historia a través do cómic. Na segunda, co obradoiro de que impartirá, o sábado 24, ás 12:30 horas, María Villar, no que os rapaces e rapazas a partir de 8 anos poderán achegarse ás formas de expresión e ás técnicas do cómic. As dúas actividades requiren inscrición previa.

A programación no centro vigués para a xente miúda completarase coa sesión ‘Periplo interestelar’, o sábado ás 12:00 horas, a cargo de Polo Correo do Vento, na que os nenos e nenas a partir de 3 anos viaxarán nunha expedición espacial da man dun pingüín; e coa actividade para bebés ‘Historia de cores’, impartida por Ana Carrara, mañá, ás 18:30 horas.

Música, maxia e expresión corporal
No marco do programa Ler conta moito, promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, a biblioteca Ánxel Casal acollerá o espectáculo musical ‘Libros en-cantados’, unha actividade de Magín Blanco para pequenos de 3 a 10 anos. Será o sábado 24 ás 12:00 horas.

Ese mesmo día, a biblioteca da Coruña ofrece a actividade ‘Contos do marmeleiro, anís e limón’, con sesións ás 12:00 e ás 13:00 horas, na que Marisa Irimia fará gozar os nenos e nenas de entre 4 e 12 anos con historias cheas de maxia e emocións. Desde o pasado día 19 e ata o 28 de outubro, a biblioteca coruñesa tamén acolle un obradoiro de expresión corporal en horario de 18:15 a 20:45 horas. Impartido por Fabiana Gastaldello, o taller, no que participan persoas maiores de 16 anos previamente inscritas, ten como obxectivo desenvolver a creatividade, a conciencia corpórea, a flexibilidade e a expresividade artística a través dos escenarios da obra ‘As cidades invisibles’, de Italo Calvino.

En Ourense, a biblioteca pública organiza o día 24, ás 11:30 horas, ‘Sábado creActivo’, un obradoiro impartido por Sarabela Teatro para darlles a coñecer as bibliotecas aos rapaces e rapazas a partir de 6 anos. Mentres que en Pontevedra, Trinketrinke Teatro ofrecerá o día 23, ás 18:00 horas, o contacontos ‘O coelliño branco’, para nenos e nenas a partir de 3 anos.

Á vez que divertir a través dos libros e da lectura, a programación pretende pór en valor o traballo das bibliotecas e do seu persoal, con propostas como o obradoiro ‘Quen matou o bibliotecario?’, o venres 23, ás 18:30 horas, baseado nunha recreación teatral que tira do humor negro para dar a coñecer o funcionamento das instalacións da Ánxel Casal. A actividade, que precisa inscrición previa, está dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos.

Xornadas de portas abertas e visitas guiadas
Tamén co obxectivo de que a cidadanía poida coñecer de preto as instalacións e os servizos que ofrecen as bibliotecas, esta semana programaranse xornadas de portas abertas e visitas guiadas. En Vigo, a biblioteca organizará xornadas de portas abertas o venres 23 ás 12:30 horas e ás 18:00 horas, con visitas guiadas para o público en xeral, previa inscrición.

Na Ánxel Casal e na biblioteca lucense tamén terán lugar na véspera do Día da Biblioteca, ás 12:00 e ás 16:00 horas, na primeira, e ás 12:00 e ás 19:00 horas, na segunda. Ese mesmo día, a Biblioteca de Galicia realizará unha visita guiada ás 12:00 horas. Ademais, nesa xornada, a biblioteca poñerá en marcha a iniciativa ‘Elixe o teu libro’, coa que agasallará cunha obra a cada persoa que visite a biblioteca. Tamén o venres, alumnos e alumnas de 4 anos dun centro educativo de Ourense participará, ás 11:00 horas, nunha visita guiada á biblioteca, a partir dunha sesión de Kamishibai.

A estas visitas guiadas súmase a sesión ‘Así funciona a sala infantil’, o día 23 ás 17:45 horas, coa que a biblioteca Antonio Odriozola informará sobre o uso, os fondos e as actividades do espazo do centro dedicado á xente miúda.

Música de cámara
A música tamén estará presente nesta celebración, con iniciativas como o concerto de Camerata Arvén, que terá lugar mañá xoves, ás 20:30 horas, no auditorio da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, con entrada de balde. A formación interpretará dúas das grandes obras compostas para conxunto de corda e vento como son o Noneto en Fa maior op. 31, de Louis Spohr, e o Octeto de Fa maior D 803, de Franz Schubert.

Agasallos e liberación de libros
Durante toda a semana, a biblioteca compostelá liberará libros por diferentes espazos das súas instalacións para que as persoas interesadas poidan escoller que obras queren levar para a casa entre unha gran variedade. Despois de lelos, poderán deixalos noutro lugar para que outras persoas desfruten da súa lectura.

E para recoñecer os usuarios e usuarias máis activos, a Ánxel Casal faralles entrega dun lote de libros aos superlectores infantís e adultos, o propio sábado 24 de outubro. Ese mesmo día, e ata o 10 de decembro, a biblioteca porá en marcha o IV Concurso de Fotografía Lendo en Compostela, que emprega a imaxe como estímulo visual para descubrir o atractivo da lectura en calquera lugar e momento.

Cos préstamos e devolucións dos materiais que se realicen o sábado 24, a biblioteca pontevedresa agasallará os seus usuarios e usuarias cun marcapáxinas conmemorativo do Día da Biblioteca. Ese mesmo día, ás 12:00 horas, dará a coñecer as obras gañadoras do II Concurso de Relato Breve, que serán premiadas con lotes de libros.

Centros de interese sobre as bibliotecas
As mostras bibliográficas tampouco faltarán para conmemorar esta data. Baixo o título ‘Historias de biblioteca’, a Ánxel Casal ofrecerá ata final de mes unha selección de libros infantís que teñen como protagonistas as bibliotecas. A biblioteca lucense tamén ten dispoñible ata o 30 de outubro a mostra ‘Protagonista, a biblioteca’, cunha selección de obras infantís e xuvenís destinadas a transmitir a importancia da biblioteca como lugar de encontro do lectores e como instrumento para mellorar a formación e a convivencia, mentres que a Biblioteca Pública de Ourense ofrece ata o 24 de outubro a mostra ‘Bibliotecas’, unha selección de obras para nenos e nenas de 6 a 14 anos.

Finalmente, ‘Os ratos e os seus amigos celebran o día da biblioteca’ é o título do centro de interese que organiza mañá, 22 de outubro, a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, cunha selección de títulos de literatura infantil relacionados co libro, a lectura e as bibliotecas.

Esta programación especial con motivo do Día da Biblioteca pode consultarse na páxina web cultura.gal, a través da Axenda de Cultura de Galicia.

0

Comentarios

  • No hay comentarios por el momento. Se el primero en enviar un comentario.

Deja tu comentario

Invitado Miércoles, 25 Diciembre 2024