O programa, para o que se restauraron e dixitalizaron obras de difícil acceso, reúne 63 curtas e longametraxes, ademais dunha selección de 17 spots dos Estudios Moro
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) dedícalle un novo ciclo temático á historia da animación en España, que se desenvolverá arredor de oito sesións para ofrecerlle ao público o resultado dun exhaustivo traballo de investigación, revisión e recuperación de material histórico xunto con obras de produción recente. ‘Do trazo ao píxel. Máis de cen anos de animación española’ arranca mañá, ás 20.30 horas, cun primeiro programa titulado ‘Garabatos’, centrado na pegada que o humor gráfico deixou no cinema.