Blog de tuplace

Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local

  • Inicio
    Inicio Aquí es donde puedes encontrar todas las publicaciones del blog.
  • Categorías
    Categorías Muestra una lista de categorías de este blog.
  • Etiquetas
    Etiquetas Muestra una lista de etiquetas que se han utilizado en el blog.
  • Bloggers
    Bloggers Busca a tu blogger preferido.
  • Blogs de Equipo
    Blogs de Equipo Busca tu equipo de blog preferido aquí.
  • Acceder
    Login Tu cuenta

Xosé Lois Romero: "Temos unha cultura tremendamente rebelde e viva"

por en Noticias
  • Tamaño de fuente: Mayor Menor
  • Visitas: 3690
  • 0 Comentarios
  • Suscribirse a las actualizaciones
  • Imprimir
3690

Xosé Lois Romero Cajigal, nado en 1970, natural de Mera, Oleiros, é un músico e compositor galego. Formado desde neno na música popular galega, exerceu de percusionista en numerosas formacións tradicionais entre as que destacan os cuartetos Lelia Doura e Luvas Verdes. Desde 1995 é membro do Grupo Tradicional da AGADIC, dependente da Xunta de Galicia, onde realiza traballos de interpretación, investigación, docencia e publicación de material audiovisual sobre patrimonio musical galego.

Desde o 2008 é mestre de percusión tradicional da escola de folclore Tradescola, de Lugo, dependente da Asociación de Gaiteiros Galegos.

Foi co-fundador en 1999 da compañía Nova Galega de Danza, na que exerceu como director musical, compositor e intérprete nos espectáculos Alento e Engado, cuxa música foi editada posteriormente en cadanseu disco, abandonando no 2007 a compañía. Neste último ano fundou o grupo Vaamonde, Lamas & Romero, xunto a Pedro Lamas e Xesús Vaamonde. Con este último codirixe a colección didáctica audiovisual Pel & madeira.

No 2008 realizou os arranxos e a dirección musical do espectáculo Terra de soños, de Fuxan os Ventos. Participou tamén en varios espectáculos do Ballet Rei de Viana, así como en varias montaxes do Centro Coreográfico Galego. En 2010 participa en Amann (Xordania) no espectáculo multidisciplinar itinerante ANU, creado e dirixido por Jabbar Al Janabi, xunto a artistas árabes de todo o mundo.

Paralelamente ten colaborado con numerosos artistas, como Dani Bellón, Eliseo Parra, Guadi Galego, Jane Joyd, Leilía, Mercedes Peón, Sonia Lebedinsky, Susana Seivane, Uxía, Xabier Díaz ou Xosé Manuel Budiño.

 

Aliboria é un colectivo de novas músicas galegas, dirixidas por Xosé Lois Romero, que reinventan os cantos e os ritmos enxebres de Galicia conxuntando as potentes voces das súas cantantes cuns novos arranxos para percusión tradicional cheos de forza, raza e terra.

As mulleres e homes que conforman Aliboria representan unha nova xeración de músicas cun coñecemento profundo do seu folclore e cunha gran calidade técnica, un equipo perfecto para que o mestre Romero dea un novo paso adiante na evolución da música popular galega, que está a vivir o seu momento máis fértil e en permanente proceso de actualización.

A música de Aliboria combina as voces ancentrais da tradición oral de Galicia coa forza e o colorismo multitímbrico da percusión tradicional, todo tinguido coa frescura e a enerxía que a xuventude dos seus membros lle aporta. Bombos, pandeiros, pandeiras, tixolas, tarrañolas, cunchas, pandeiretas, latas, tambores, sachos, perfectamente conxunguidos cos cantos, os aturuxos, os bailes e a diversión.

Esta é a entrevista que lle fixemos:

 

1. Defínete en dúas palabras.

Buscador inconformista.

 

2. ¿En qué faceta da súa vida artística se atopa Xosé Lois Romero máis cómodo? ¿Como acordeonista, percusionista, compositor, director musical ...?

Cada unha delas enche un aspecto da miña condición de músico, pero seguramente a percusión é a que me aporta máis liberdade por ser na que me formei dende cativo, e no outro extremo, a composición músical é a máis autoesixente e supón un reto comigo mesmo. Penso que esas dúas son as máis intensas persoalmente.

 

3. Colaboraches con moitos artistas ao longo da túa ampla traxectoria musical, ¿cal foi o proxecto máis enriquecedor?

A Nova Galega de Danza foi o meu proxecto persoal máis ambicioso, por dimensión, proposta musical e escénica, e repercusión; pero se me falas de colaboracións con outros grupos, indubidablemente o traballo máis importante da miña vida foi a dirección musical do espectáculo “Terra de Soños” de Fuxan os Ventos. Que che ofrezan actualizar o repertorio do grupo vocal máis importante da historia de Galicia e interpretala en directo con máis de 30 artistas de primeira liña non ocorre todos os días. Foi unha ousadía pola miña parte aceptar ese encargo e un incrible agasallo vivir esa experiencia e ter acertado co resultado. Síntome moi orgulloso e afortunado por ese traballo.

 

b2ap3_thumbnail_Foto_JuanLuisRua.jpg

4. ¿Cómo ves a situación da cultura galega en xeral?

Somos un país insólito. Vivimos nunha precariedade política e social endémica e temos unha cultura tremendamente rebelde e viva. O apoio institucional é mínimo e condicionado e as estruturas e plans de desenvolvemente brillan pola súa ausencia. Ninguén pode negar o potencial da cultura como sector estratéxico do noso país, pero para iso hai que crer nela, sen sectarismos, e ante o abandono da administración das súas propias obrigas ao respecto quédanos a incansable teima de moitísim@s galeg@s que continúan a desfrutar e compartir toda esa riqueza. Iso é o que nos salvará.

 

5. ¿Que pensas que debemos facer a xente da rúa a cotío para promover a nosa cultura?

Creo que a cultura goza dunha moi boa valoración por parte da cidadanía galega e a súa aceptación está normalizada, independentemente das circunstancias adversas. No meu eido de acción, a música popular, temos un bo exemplo do que “a xente da rúa”, como dis, pode facer. Tocar, cantar ou bailar son en primeiro lugar actividades lúdicas e de relación social tremendamente divertidas e enriquecedoras, e é exactamente iso o que as fai atractivas e masivas e o que pode garantir a súa utilidade e pervivencia. Creo que incorporar a cultura, en calquera das súas formas, ao noso día a día coa maior normalidade posible é a mellor maneira de darlle contido e continuidade.

 

6. ¿Qué é o que che namora da música tradicional galega?

A súa identidade e personalidade. Non creo na uniformización nin na estandarización, creo na singularidade e na súa permanente mutación. Son galego e sinto a necesidade de expresarme coa música que naceu neste lugar do mundo e non noutro e que evolucionou parella ao país, coas súas luces e sombras. E se segue a existir é porque segue a expresar a nosa sensibilidade mellor que calquera outra.

 

7. ¿Como xurde a idea de formar Aliboria?

Como xa dixen, na orixe eu fun percusionista. Co paso dos anos descubrín o acordeón e foi ocupando cada vez máis espazo na miña actividade pública, pero durante toda a miña vida musical preguntábame por que non se utilizaban os instrumentos de percusión tradicional máis aló das representacións etnográficas, agás o tambor, o bombo ou a pandeireta.

A evolución da música galega nos últimos 40 anos foi fascinante, tanto na popularización, como na cantidade e calidade dos intérpretes, a mellora na construción dos instrumentos, a renovación dos repertorios, técnicas,... absolutamente todo evoluíu de forma trascendental, agás a percusión tradicional. A procura persoal dunha resposta a ese desequilibrio e a fortuna de ter atopado un grupo de xente nova moi preparada que acreditaron na miña proposta desembocou neste marabilloso proxecto incorformista de voces e percusións que demos en chamar Aliboria.

 

8. Cóntanos como é o proceso da procura e recuperación da música e dos instrumentos de percusión tradicional tan habitual nos teus proxectos.

Pois é unha viaxe moi persoal, e ten algunhas similitudes coa procura de novas posibilidades na zanfona ou a gaita. Radica na necesidade de atopar novos recursos e posibilidades aos instrumentos que che permitan expresar linguaxes novos. Todos os instrumentos evoluiron e melloraron a base de buscar novas posibilidades que non tiñan. A día de hoxe síntome orgulloso de ter rachado moitos tópicos sobre as posibilidades dunhas “simples” tarrañolas, unha tixola ou a ilimitada pandeira. E isto é so o comezo. Agardo que moit@s fagan tamén o seu propio camiño e entre tod@s enriquezamos máis a percusión tradicional.

b2ap3_thumbnail_XLReAliboria_2.jpg

9. ¿Qué instrumento de todos os utilizados levaría Xosé Lois Romero a unha illa deserta?

Se tivese que escoller so un dos que toco tería un grande debate entre a pandeira e o acordeón. O acordeón por motivos obvios e a pandeira porque sen ningunha dúbida é o instrumento con máis segredos por descubrir. E onde colle unha pandeira ou un acordeón tamén collen unhas tarrañolas ;)

De todos os xeitos levaría de bo gusto calquera outro instrumento que non toco e que me encantaría aprender se dispoño de tanto tempo nunha illa deserta: un arpa, unha guitarra, un duduk, un handpan, unha taboa hindú,...

 

10. Vivir da música en galego, ¿quimera ou realidade?

Creo que a pregunta sería abondo con: “Vivir da música, ¿quimera ou realidade?” Non creo que o idioma sexa a limitación, e é un tòpico que debemos desterrar xa. Se queremos competir con Sting quizá debamos cantar en inglés, pero as músicas do mundo caracterízanse xustamente pola distinción e singularidade, tanto musical como idiomática, e aí estamos en igualdade, ese é o noso circuíto. O noso handicap é que a música en Galicia segue sen ser considerada unha profesión e o 99% dos músicos móvense entre o amateurismo forzoso ou a profesionalización intermitente e precaria, que contrasta coa evidente calidade que existe no país. A asociación Músicos ao Vivo, da que son membro, traballa xustamente para dar ferramentas que dignifiquen o noso traballo e paseniñamente imos avanzando.

 

COLLEITA PROPIA: Dúas frases para decir o que che pete ;)
 

Parabéns a TuPlace polo seu traballo de difusión da cultura e moitas grazas por ter pensado en min para ocupar un anaquiño do seu espazo.

 

 

Fotos: Juan Luis Rúa

 

VIDEO: XOSÉ LOIS ROMERO E ALIBORIA - Toutón @ Romeria de Santa Margarida (A Coruña)


 

0

Comentarios

  • No hay comentarios por el momento. Se el primero en enviar un comentario.

Deja tu comentario

Invitado Jueves, 21 Junio 2018