Arranca o ciclo de encontros ‘Non hai museo sen debate’, no que se xuntarán críticos, comisarios, artistas e coleccionistas para analizar o estado actual do medio museístico.
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) organiza para as vindeiras semanas múltiples actividades de diversas disciplinas culturais. De feito, hoxe arranca o ciclo de encontros ‘Non hai museo sen debate’, no que se reunirán críticos, comisarios, artistas e coleccionistas para analizar o estado actual do medio museístico.
O obxectivo destas xornadas é a reflexión arredor do presente e do futuro dos centros e institucións de arte contemporánea. Unha cita para falar sobre o modelo de museo que queremos e necesitamos, compartindo experiencias de profesionais da escena galega e tamén de fóra de Galicia. Nas diferentes mesas de debate participarán artistas como Antón Patiño ou Carme Nogueira, comisarios como David Barro ou Daniel Castillejo, críticos como Ángela Molina ou Xosé Manuel Buxán Bran, e coleccionistas como Juan Carlos Román ou Rosario Sarmiento, entre outros.