Blog de tuplace

Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local

  • Inicio
    Inicio Aquí es donde puedes encontrar todas las publicaciones del blog.
  • Categorías
    Categorías Muestra una lista de categorías de este blog.
  • Etiquetas
    Etiquetas Muestra una lista de etiquetas que se han utilizado en el blog.
  • Bloggers
    Bloggers Busca a tu blogger preferido.
  • Blogs de Equipo
    Blogs de Equipo Busca tu equipo de blog preferido aquí.
  • Acceder
    Login Tu cuenta

O CGAI cumpre 25 anos con máis de 7.500 títulos proxectados e 300.000 espectadores

por en Noticias
  • Tamaño de fuente: Mayor Menor
  • Visitas: 10466
  • 0 Comentarios
  • Suscribirse a las actualizaciones
  • Imprimir
10466

O martes 15 de marzo conmemórase o aniversario da inauguración do Centro Galego de Artes da Imaxe cun pase especial de tres pezas inéditas rodadas por Ángel Blanco entre 1929 e 1931 e que forman parte do fondo depositado por Alberto Martí.

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) celebra este martes 15 de marzo o vixésimo quinto aniversario do inicio da súa actividade cun balance de máis de 300.000 espectadores e 7.500 títulos programados. Desde a súa inauguración na Coruña o 15 de marzo de 1991, o seu equipo vén traballando na recuperación, conservación e difusión do noso patrimonio fílmico e fotográfico, así como na promoción entre a sociedade galega dun maior coñecemento do cinema e das artes da imaxe en xeral.

Con este último obxectivo, téñense organizado tamén numerosas sesións especiais con destacadas figuras do panorama cinematográfico español e mesmo internacional, que visitaron A Coruña para compartir as súas experiencias co público galego, prestando unha especial atención ao cinema de vangarda. Nesta listaxe atopamos nomes como Luis García Berlanga, José Luis Cuerda, Víctor Erice, José Luis Guerin, Luis Miñarro, Enrique Urbizu, Gonzalo García Pelayo, Arthur Penn, James Benning, Jem Cohen, Nathaniel Dorsky, Peter Kubelka, Mark Rappaport, Alain Bergala, Elisabeth Perceval e Nicholas Klotz, entre moitos outros.

Tres pezas inéditas
A sesión deste martes centrará a conmemoración desta importante efeméride no labor de recuperación do patrimonio fílmico galego. Con tal motivo, exhibiranse as pezas inéditas ‘Playa de Riazor’, ‘Dornier en La Coruña’ e ‘Sanatorio de Oza y Playa de Lazareto’, as tres filmadas polo fotógrafo Ángel Blanco Villar (A Coruña, 1891-1989) entre os anos 1929 e 1931 e custodiadas polo CGAI como parte do fondo depositado polo tamén fotógrafo Alberto Martí (A Coruña, 1922).

Martí será o encargado de presentar esta proxección como discípulo de Ángel Blanco e legatario do arquivo fotográfico e cinematográfico do estudio Foto Blanco, aberto na rúa Real coruñesa desde o ano 1927. Este fondo inclúe, en formato 16 mm, moitas reportaxes da actividade social na Coruña e a súa bisbarra na primeira metade do século XX, tal e como se reflicte en ‘Sanatorio de Oza y Playa de Lazareto’, ademais de acontecementos históricos como a amaraxe na baía do hidroavión alemán Dornier Wal no ano 1930 (‘Dornier en La Coruña’), ou filmacións, por encarga, de vodas e outros asuntos familiares que amosan a realidade cotiá da cidade neses anos (‘Playa de Riazor’). A sesión, de acceso libre, dará comezo ás 20.30 horas.

Incídese deste xeito no labor de recuperación que o CGAI iniciou coa longametraxe documental ‘Un viaje por Galicia’ (Luis R. Alonso, 1929) e que se estendeu a moitas e moi importantes obras da historia do cine en Galicia. É o caso de ‘Miss Ledya’ (José Gil, 1916), considerada a primeira ficción cinematográfica galega e cuxo centenario foi conmemorado o pasado día 4 en Pontevedra nun acto promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Destacan igualmente longametraxes como ‘La Casa de La Troya’ (Pérez Lugín, 1924), ‘La tragedia de Xirobio’ (José Signo, 1930), ‘Polizón a bordo’ (Florián Rey, 1941) ou ‘Bandera negra’ (Amando de Ossorio, 1956), así como de filmes experimentais como os de Eugenio F. Granell, documentais como ‘O Ano Santo em Compostela’ (1915) ou noticiarios como os dos irmáns Barreiro (1932-1934).

Nos últimos meses, por exemplo, o equipo da filmoteca rematou a restauración de ‘Galicia al día’, obra de Amando Hermida Luaces que este emigrante galego en Arxentina filmou durante a segunda metade dos cincuenta. O resultado deste traballo foi exhibido o pasado mes de outubro en catro programas, un dedicado a cada provincia.

Materias conservados
Estes son só algúns dos exemplos do material conservado no arquivo do Centro Galego de Artes da Imaxe, que atesoura 3.000 copias en celuloide, 7.700 en vídeo e 9.100 carteis. Tamén ten promovido 51 exposicións fotográficas e nas súas instalacións conta cunha mediateca de 8.500 títulos en dvd ou blue-ray e cunha biblioteca e hemeroteca con 15.000 referencias.

O CGAI, actualmente dirixido por Guillermo Escrigas e adscrito á Consellería de Cultura e Educación como parte da estrutura da Agadic, é un dos centros da Federación Internacional de Arquivos Fílmicos, que agrupa 120 filmotecas de 65 países, formado parte dunha rede global de asistencia técnica e de intercambio de información.

Ao tempo, continúa o seu labor de difusión da cultura cinematográfica entre o público a través da súa programación de sala, estruturada en seccións habituais e ciclos temáticos través dos que os espectadores teñen a oportunidade de se achegar a un tipo de cine que non adoita atopar oco nas salas comerciais. Algúns destes especiais revisan feitos históricos e culturais, como os que preparará este ano o CGAI para analizar a irrupción do esperpento no cinema español coincidindo co 150º aniversario do nacemento de Valle-Inclán; ou para afondar a relación de Camilo José Cela co cine na conmemoración dos 100 anos do nacemento do escritor galego.

0

Comentarios

  • No hay comentarios por el momento. Se el primero en enviar un comentario.

Deja tu comentario

Invitado Jueves, 26 Diciembre 2024