Blog de tuplace

Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local

  • Inicio
    Inicio Aquí es donde puedes encontrar todas las publicaciones del blog.
  • Categorías
    Categorías Muestra una lista de categorías de este blog.
  • Etiquetas
    Etiquetas Muestra una lista de etiquetas que se han utilizado en el blog.
  • Bloggers
    Bloggers Busca a tu blogger preferido.
  • Blogs de Equipo
    Blogs de Equipo Busca tu equipo de blog preferido aquí.
  • Acceder
    Login Tu cuenta

Doce formacións competirán polos premios do IX Certame Galego de Bandas de Música os días 21 e 22 de novembro en Santiago

por en Noticias
  • Tamaño de fuente: Mayor Menor
  • Visitas: 1919
  • 0 Comentarios
  • Suscribirse a las actualizaciones
  • Imprimir
1919

O Auditorio de Galicia acollerá a novena edición do encontro, no que participarán músicos de Arbo, Barro, Lalín, Moaña, Mos, Oleiros, Outeiro, Rábade, Begonte, Padrón, Ribadumia, Silleda, Valga e Vigo.

Doce formacións competirán nas tres seccións a concurso do IX Certame Galego de Bandas de Música, que se desenvolverá os 21 e 22 no Auditorio de Galicia, en Santiago. A Federación Galega de Bandas de Música Populares organiza esta novena edición do evento, para o que conta co apoio económico da Consellería de Cultura e Educación.
 
O conselleiro Román Rodríguez e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participaron hoxe na presentación do programa, na que tamén interviñeron Armando Morales, presidente da FGBMP, e Jacobo Sutil, director da Agadic. Román Rodríguez incidiu na liña de colaboración emprendida entre estas dúas últimas entidades, que este ano se materializou nunha achega de 70.000 euros por parte da Xunta de Galicia para impulsar dúas das principais actividades desenvolvidas pola Federación, que agrupa 90 formacións e 6.235 músicos de toda Galicia: o Certame Galego de Bandas de Música e o Concurso Galego de Composición para Banda de Música e Sección Sinfónica.
 
Este acordo dá continuidade a unha vía de traballo conxunto co obxectivo de dotar de visibilidade o labor formativo e de divulgación que realizan en Galicia este tipo de formacións. De feito, tal e como indicou o conselleiro, as bandas conforman un rico tecido cultural que, xunto co seu indispensable papel na formación das novas xeracións de músicos, contribúe á conservación e difusión do noso patrimonio musical tanto clásico como actual.
 
Tres seccións a concurso
A novena edición do Certame Galego de Bandas de Música reunirá sobre o escenario do Auditorio de Galicia arredor de 800 músicos procedentes de ata 14 concellos de toda Galicia. Na sección terceira, para formacións de ata 50 integrantes, participarán por orde de actuación a Banda de Música Xuvenil de Torroso, a Municipal de Padrón, a do Municipio de Arbo, a 'Lira' de San Miguel de Oia e a Popular de Moaña 'Airiños do Morrazo'.
 
Na sección segunda, participarán a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, a Banda de Música de Vilatuxe, a Xuvenil de Barro e a de Outeiro-Rábade-Begonte. Todas elas contan nas súas filas con entre 51 e 70 músicos, mentres que na sección primeira intervirán tres bandas municipais –Valga, Silleda e Oleiros– con máis de 71 integrantes.
 
O músico, director e compositor suízo Franco Cesarini, o compositor galego Juan Durán e o compositor e director valenciano Andrés Valero-Castells son os membros do xurado internacional encargado de elixir as formacións gañadoras, cuxos nomes daranse a coñecer o domingo 22 durante o acto de clausura do evento. Outorgaranse un total de tres premios para cada unha das categorías, con diferentes dotacións económicas que suman 9.900 euros. A maiores, a Agadic achega para cada sección un recoñecemento á mellor interpretación dunha obra galega.
 
Obras de autoría galega
As formacións participantes interpretarán un pasodobre de presentación e, xa en concurso, ofrecerán unha obra de libre de elección e outra de autoría galega proposta pola organización: 'Esbozos sinfónicos' de X.C. Seráns, para a primeira sección; 'Noite de defuntos', de Antón Alcalde, para a segunda, e 'Coma unha espada', de Manuel María Veiga Lombardía, para a terceira. Estas dúas últimas composicións foron as gañadoras nas súas respectivas modalidades da pasada edición do Concurso Galego de Composición para Banda de Música e Sección Sinfónica, no que quedara deserto o premio para a primeira categoría.
 

Este concurso de composición ten por obxectivo cubrir a escaseza de repertorio musical de autoría galega para ser interpretado especificamente por bandas de música. Neste momentos e ata o 26 de novembro permanece aberto o prazo de presentación de obras para a súa nova convocatoria, da que sairán as composición premiadas que serán interpretadas polas bandas que participen no Certame Galego de Bandas de Música do vindeiro 2016.

0

Comentarios

  • No hay comentarios por el momento. Se el primero en enviar un comentario.

Deja tu comentario

Invitado Martes, 16 Octubre 2018