Blog de tuplace

Este será un espazo de encontro cos auténticos artífices e protagonistas da actualidade cultural, artística e de lecer a nivel local

  • Home
    Home This is where you can find all the blog posts throughout the site.
  • Categories
    Categories Displays a list of categories from this blog.
  • Tags
    Tags Displays a list of tags that have been used in the blog.
  • Bloggers
    Bloggers Search for your favorite blogger from this site.
  • Team Blogs
    Team Blogs Find your favorite team blogs here.
  • Login
    Login Login form

A Deputación daralle impulso ao proxecto de Rianxo 2016

by in Noticias
  • Font size: Larger Smaller
  • Hits: 1888
  • 0 Comments
  • Subscribe to this entry
  • Print
1888

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, comprometeuse en Rianxo a apoiar a restauración para a adecuación como museo da casa de Rafael Dieste como "un chanzo importante no camiño do proxecto de Rianxo como vila literaria de referencia para a cultura galega".

Na casa de Rafael Dieste en Rianxo, Goretti Sanmartín comprometeu o apoio da Deputación da Coruña para iniciar o proceso que converterá a casa natal do escritor Rafael Dieste nun museo arredor da súa figura e que tamén recordará outros membros da súa familia como o enxeñeiro Eladio Dieste. Na rúa de Abaixo, Goretti Sanmartín destacou a singularidade de que "nesta mesma rúa naceron tres grandes figuras da nosa cultura, Castelao, Manuel Antonio e o propio Rafael Dieste, unha coincidencia única que lle outorga ao concello unhas condicións singulares para se converter en vila literaria de referencia para o país e para a nosa cultura".

Da man do alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, Goretti Sanmartín e a deputada da comarca, a nacionalista Ánxela Franco, coñeceron o proxecto de adecuación do inmóbel para usos museísticos, na liña do proceso que seguiu a casa de Manuel Antonio, aberta xa a visitas públicas, e ao pé da de Castelao. Á xuntanza asistiron tamén a concelleira de Rianxo Adelina Ces; o arquitecto do proxecto Amancio Losada; e o investigador e académico Xosé Luís Axeitos, especialista nas figuras de Dieste e de Manuel Antonio e asesor do proxecto.

O alcalde, Adolfo Muíños, congratulouse por "abrir hoxe a casa de Rafael Dieste despois de tantos anos grazas ao apoio da deputación, que dá o impulso definitivo para a súa apertura ao público; para mostrar un espazo que foi central no encontro cultural e recuperar a memoria dunha figura de importancia central non só na nosa cultura, senón de referencia no mundo, tamén pola súa relación coa cultura latinoamericana con figuras como as do escritor Roberto Bolaño, que mostrou a súa admiración polo escritor rianxeiro". Muíños estimou en 230 000 euros o orzamento necesario para acometer as obras que permitirán acondicionar o inmóbel para incorporar o mobiliario orixinal a recado do Concello e proceder xa á apertura como espazo musealizado.

Goretti Sanmartín destacou as potencialidades de Rianxo á hora de atraer visitantes con interese pola nosa cultura, á maneira de cidades e vilas europeas que teñen no turismo cultural e na condición de espazos literarios as súas principais cartas de presentación. Mostrou así o apoio decidido da Deputación da Coruña a dar o pulo definitivo que permitirá restaurar a casa de Rafael Dieste e proceder á súa apertura ao público. O alcalde preferiu non dar prazos de apertura, mais asegurou que "o apoio da deputación é definitivo para falar xa da futura e próxima apertura da casa-museo de Rafael Dieste". Pola súa parte, Goretti Sanmartín gabou a "planificación" feita polo Concello de Rianxo do proxecto, que se atopa, segundo dixo, moi estudado nas súas distintas fases, mesmo coa localización do que será a futura colección de obxectos e documentos do museo. "Responde, dalgunha maneira, á mesma filosofía que defendía Rafael Dieste, a da planificación. O proxecto non deixa lugar á improvisación e responde a uns obxectivos que compartimos, o recoñecemento da nosa cultura, a posibilidade de gabarnos dela e mostrala como merece e mesmo convertela en potencialidade para o noso futuro", explicou a responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña.

A casa de Rafael Dieste sitúase no número 46 da rúa de Abaixo, é de titularidade municipal desde o ano 2007 e o Concello conta co apoio e dispoñibilidade da familia para o proxecto de musealización. Alí naceu Dieste e alí pasou tamén a derradeira etapa da súa vida, á volta do exilio americano. O proxecto procurará reproducir os espazos habitados por Rafael Dieste e Carmen Muñoz, para o que o Concello conserva, entre outros, o mobiliario orixinal do salón e elementos doutras estancias.

A vivenda está construída en pedra e consta de andar baixo e primeiro. A intervención, que se insire dentro da adaptación museística e museográfica, recuperará os espazos da vida de Rafael Dieste, incluídas a biblioteca e unha colección de fotografías, documentos e obxectos persoais. A través dos distintos lugares, percorreranse as distintas etapas da vida do escritor e recuperaranse nas condicións da época os espazos compartidos por Dieste e Carmen Muñoz no inmóbel, unha edificación que abre as súas fiestras tamén á cultura mariñeira. A casa albergará tamén un espazo para exposicións temporais arredor do escritor, o seu mundo e do tempo no que viviu. O proxecto permitirá reforzar a condición de Rianxo como vila literaria e sumará un novo espazo museístico á casa de Manuel Antonio para consolidar unha marca de identidade da que se agardan repercusións a nivel turístico e económico.

0
Trackback URL for this blog entry.

Comments

  • No comments made yet. Be the first to submit a comment

Leave your comment

Guest Tuesday, 16 July 2019