Abano Producións, Frida Films, Mad Mex Filmanova, Matriuska Producciones, Pulsa Control Z, Vaca Films, Vía Láctea Filmes e Zeitun Films difundirán os seus produtos no encontro internacional que se desenvolve en paralelo á Berlinale.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e mais oito produtoras galegas integran a delegación comercial que está a promover e a ampliar a distribución exterior do noso audiovisual no European Film Market (EFM) de Berlín, a feira internacional de referencia que se desenvolve en paralelo á Berlinale ata o vindeiro 19 de febreiro.

A delegación empresarial galega, na que este ano participan representantes de Abano Producións, Frida Films, Mad Mex Filmanova, Matriuska Producciones, Pulsa Control Z, Vaca Films, Vía Láctea Filmes e Zeitun Films, está a manter contactos con axentes dedicados á comercialización internacional cara a acadar a máxima presenza dos seus filmes en circuítos xeográficos e festivais específicos, así como a desenvolver reunións para dar a coñecer distintos proxectos ou títulos que aínda non foron estreados.

Obxectivos concretos
Así, por exemplo, a compañía Abano viaxa co obxectivo de pechar vendas internacionais para ‘Migas de pan’ e de estreitar lazos con posibles coprodutoras europeas para ‘As troitas cantan ao mencer’. Pulsa Control Z centra a súa estratexia na película de ficción ‘Dibujos animados’ e no documental ‘Una hora menos’; en tanto que Matriuska acode a Berlín cunha axenda de varias xuntanzas ‘one to one’ cara a acadar distribución para o filme ‘A estación violenta’.

No caso de Vaca Films, a expectativa é completar a presenza en territorios específicos para ‘El desconocido’, película que acaba de ser recoñecida con dous Premios Goya, así como presentar por vez primeira diante dos compradores ‘Cien años de perdón’, a nova produción que chegará aos cines o 4 de marzo. A compañía coruñesa tamén aproveitará para adiantar novos proxectos en curso, entre os que están as novas películas que rodarán Dani de la Torre, Alberto Marini ou o debutante Pedro C. Alonso.

Outros títulos que estarán sobre as mesas de reunións do European Film Market son ‘Mimosas‘, de Zeitun Films, ou ‘A Esmorga’, de Ignacio Vilar e producida por Vía Láctea Filmes, que, despois do éxito acadado en toda España, busca agora a súa proxección exterior e a súa inclusión en festivais internacionais. Outra longametraxe de Vía Láctea que acaba de comezar a súa fase de produción, ‘Sicixia’, tamén persigue negociar pre-vendas de dereitos e establecer contactos con posibles coprodutores.

Pases de cinema galegos
A citada ‘Cien años de perdón’, de Vaca Films e dirixida por Daniel Calparsoro, xunto con ‘Cociñando na fin do mundo’, documental de Alberto Baamonde producido por Esmerarte, son as dúas películas galegas que se proxectarán nos pases de mercado do EFM. As dúas fitas contaron para a súa realización con diferentes subvencións da Agadic, en concreto, con axuda para o desenvolvemento de proxectos, no caso da fita de Vaca; e á produción, no documental sobre os cociñeiros galegos.

O European Film Market é, despois do de curtas de Clermont-Ferrand que acaba de rematar, o segundo dos nove encontros nos que o audiovisual galego terá presenza este ano no marco do programa de internacionalización que a Agadic desenvolve co apoio do Igape e a colaboración do Clúster Audiovisual Galego. Este calendario feiral inclúe, así mesmo, o MIPTV, o Marché du Film e o MIPCOM de Cannes (Francia), o Sunny Side Of The Doc da tamén localidade francesa La Rochelle, o MICSUR de Bogotá (Colombia), o Ventana Sur de Bos Aires (Arxentina) e o RioContentMarket de Río de Janeiro (Brasil).

‘Films from Galicia 2016’
As empresas galegas contan no EFM cun espazo propio para o desenvolvemento de xuntanzas de traballo e a difusión das súas producións dentro do pavillón Cinema from Spain, do que a Agadic forma parte xunto ao Instituto de Comercio Exterior (ICEX), o Instituto Nacional da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), a Federación de Asociacións de Produtores Audiovisuais (FAPAE) e outros organismos autonómicos. Desde este espazo achégaselle tamén aos axentes de vendas internacionais a nova edición para 2016/2017 do catálogo ‘Films from Galicia’, unha escolma das producións máis recentes de longametraxes de ficción, animación e documentais e películas de televisión, así como o DVD promocional ‘Shorts from Galicia’, dedicado a curtas.

Neste ámbito, o European Film Market é un dos máis importantes escaparates de cine do mundo, asociado á programación da Berlinale como o centro de negocios para os profesionais que asisten ao recoñecido festival cinematográfico. Cada ano acolle máis de 400 expositores (na súa maioría produtoras, distribuidoras e organismos oficiais) duns 50 países, así como 1.300 compradores de todo o mundo.