A Agadic apoia a presenza de Bambú, Ficción Producciones, Filmanova, Maruxiña Films, Portocabo, R, Treeline Distribution, Yellow Train Productions e Zenit TV nesta importante cita internacional.

A Axencia Galega das Industrias Culurais (Agadic) apoia a presenza das produtoras Bambú Producciones, Ficción Producciones, Filmanova, Maruxiña Films, Portocabo, R, Treeline Distribution, Yellow Train Productions e Zenit TV na 26ª edición do mercado MIPCOM, que se celebra desde hoxe e ata o día 8 na cidade francesa de Cannes.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reforza así a promoción do audiovisual galego no que é o meirande mercado mundial de contidos televisivos e de entretemento.


Esta misión comercial enmárcase, á súa vez, no programa de promoción exterior da industria do cinema e da televisión de Galicia, que a Agadic vén desenvolvendo xunto co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) co obxectivo de favorecer a busca de compradores e socios internacionais para as producións galegas. En concreto, a participación en MIPCOM –para a que se conta tamén coa colaboración do Cluster Audiovisual Galego– é especialmente relevante no ámbito da produción e comercialización de todo tipo de formatos, programas e servizos para televisión.

Films from Galicia
Como en edicións anteriores, Galicia conta cun espazo propio en MIPCOM dentro do pavillón Audiovisual from Spain, promovido polo Instituto de Comercio Exterior (Icex), desde onde a Agadic está a difundir tanto os últimos proxectos das devanditas nove compañías como todas as producións reunidas na última edición do seu catálogo 'Films from Galicia'. Ademais de dispoñer deste recinto para a promoción e a celebración de xuntanzas de traballo, os representantes das empresas galegas reciben tamén  apoio económico para financiar parte dos gastos de viaxe, aloxamento e inscrición no evento.

Dentro desta mesma liña de internacionalización, este ano Galicia contou con representación nas feiras Marché du Film e MIPTV de Cannes, así como no European Film Market de Berlín, no Festival International du Court Métrage de Clermont-Ferrand e no Mercado de Industrias Culturales Argentinas (MICA).