Entre os premiados tamén se atopa Miguel Vial e as obras 'A viaxe de Gagarín' de Agustín Fernández Paz, 'Historia da literatura galega II' de Xosé Ramón Pena Sánez e 'Pan, Pan' de A Panadaría Teatro.

A  Fundación Premios da Crítica Galicia entregou os seus galardóns que nesta edición foron na categoría de música, para Guadi Galego; na categoría de iniciativas culturais, para Cineuropa; para Miguel Vila, na modalidade de cultura gastronómica; na de artes plásticas, para Xaquín Marín. En creación literaria a obra premiada foi “A viaxe de Gagarin” de Agustín Fernández Paz; en investigación, resultou galardoado o traballo “Historia da literatura galega II” de Xosé Ramón Pena Sánchez, e finalmente en artes escénicas a obra “Pan, Pan” de A Panadaría Teatro.

No acto de entrega destes galardóns que este ano celebran a súa XXXVIII edición, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que os Premios da Crítica buscan enxalzar a vitalidade da cultura galega, e considerounos unha mostra do espírito creativo e artístico de Galicia. 

O mandatario galego recoñeceu que en cada un destes premios “hai algo vivo; hai movemento, actitude, innovación. É o que se chama creatividade”, sinalou, e Galicia “está viva porque sabe crear”. Este rebulir constante de ideas, proseguiu, está presente en eidos como a literatura, a música, as artes plásticas e visuais, as producións escénicas e audiovisuais, na investigación, en diversas iniciativas para difundir os valores da cultura galega e, incluso, na cultura gastronómica da Comunidade; as modalidades que distinguen estes premios.

Segundo dixo, cada un dos traballos que optan a estes recoñecementos supoñen unha suma de propostas dentro da diversidade cultural de Galicia. E, nesta liña, o titular da Xunta felicitou á Fundación Premios da Crítica Galicia por estes galardóns.