O DOG publica as bases polas que se rexerán as axudas do ano que vén á produción escénica, ás salas privadas, á promoción do talento audiovisual e aos festivais cinematográficos por un valor de 920.000 euros. 

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publicou o 28 de Decembro no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha primeira quenda das súas diferentes liñas de subvencións ao sector para 2016. Trátase de catro convocatorias que suman unha contía económica total adxudicable de 920.000 euros e que se dirixen en concreto á produción escénica, ás salas de titularidade privada, á promoción do talento audiovisual galego e aos festivais cinematográficos.

Coa publicación destas bases, que foron aprobadas na última xuntanza do Consello Reitor da Agadic, o organismo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comeza o seu próximo ciclo anual cara ao fomento das distintas actividades das industrias culturais galegas, co obxectivo xeral de contribuír á capitalización das empresas e ao financiamento dos seus produtos e servizos.

Esta serie de subvencións, que se rexen polo principio de concorrencia competitiva, será completada nos próximos meses con novas convocatorias destinadas a incidir noutros aspectos ou fases da creación cultural profesional e da súa difusión entre o público, como serán a distribución interior e exterior de espectáculos, a produción e coprodución audiovisual, o desenvolvemento de proxectos audiovisuais ou a celebración en Galicia de festivais escénicos e musicais.

Seiscentos mil euros para produción escénica
A convocatoria para a produción escénica galega contempla calquera das súas disciplinas artísticas (teatro, danza, novo circo, maxia, etc.) e acoutase temporalmente para as montaxes que se estreen entre o 1 de abril de 2016 e o 31 de marzo de 2017.

Establece catro modalidades, segundo sexan propostas procedentes de compañías de nova creación e que non superen os 20.000 euros de orzamento, espectáculos de pequeno formato (ata tres intérpretes) e que non excedan os 30.000 euros de orzamento, espectáculos de mediano formato (con entre catro e sete intérpretes) e que non contemplen máis de 60.000 euros de orzamento; e espectáculos de gran formato (compostos por máis de sete actores e actrices, manipuladores, bailaríns ou músicos en escena) e que non rebasen os 80.000 euros de orzamento.

En canto ás subvencións para a actividade e o funcionamento das salas de artes escénicas de titularidade privada, resérvase unha partida orzamentaria de 70.000 euros (co límite de concesión de 30.000 euros por cada entidade beneficiaria e ata o 50 por cento do orzamento do proxecto presentado). As persoas físicas ou xurídicas xestoras deste tipo de espazos, de non máis de 250 localidades de capacidade, teñen que presentar os seus proxectos de programación artística para 2016 xunto co resto da documentación requirida.

Un 16 % máis para festivais de cine
No impulso do sector audiovisual galego como eido estratéxico céntranse especificamente dúas das resolucións feitas públicas hoxe, como son as dirixidas a festivais, semanas, mostras ou certames de cine de carácter profesional e mais as subvencións á creación para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego.

A convocatoria destinada a eventos celebrados en Galicia que teñan por obxecto a promoción e difusión da produción cinematográfica está dotada con 105.000 euros, polo que se incrementa nun 16 por cento a contía para a mesma finalidade de 90.000 euros disposta no presente ano 2015.

Entre os requisitos para optar ás subvencións, están que estes festivais teñan lugar entre o 1 de novembro de 2015 e o 31 de outubro de 2016, posúan unha duración mínima de 4 xornadas con polo menos 20 proxeccións e teñan realizado tres edicións consecutivas anteriores á publicación da convocatoria. Ademais, cómpre que a programación proposta conteña un 5% de títulos ou 5 sesións de filmes producidos en Galicia ou dirixidos por profesionais galegos.

Promoción do talento audiovisual
Por último, as bases para a convocatoria de subvencións en 2016 á promoción do talento audiovisual galego, destina unha dotación total de 145.000 euros, co que se mantén a mesma contía asignada a estas axudas en 2014 e 2015 para a realización de longametraxes, así como para a escrita individual de guións e para a produción de curtas.

Os 145.000 euros previstos asignaranse a impulsar a escrita e a produción de 13 proxectos en versión orixinal galega. En concreto, 25.000 euros serán para contribuír á escrita de cinco guións, 30.000 euros para a produción doutras cinco curtametraxes e 90.000 euros para a realización de tres longametraxes por directores noveis.

Estas axudas ao talento buscan favorecer a incorporación de novos creadores á industria audiovisual galega, co obxectivo de promover a xeración de novas propostas narrativas de especial valor cinematográfico e de contribuír ao enriquecemento cultural do país mediante as distintas formas de expresión audiovisual.

O prazo de presentación de solicitudes para as catro liñas de subvencións iníciase mañá 29 de decembro e remata o 28 de xaneiro de 2016.

Tamén os premios dramáticos
A Agadic tamén convoca hoxe no DOG as bases para as novas edicións dos premios Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, Manuel María de Literatura Dramática Infantil e Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques (modalidades de público infantil e adulto).

Estes galardóns, de periodicidade bienal e cunha dotación económica total de 24.000 euros (6.000 para cada un deles e das súas submodalidades) teñen por obxectivo o estímulo da creación literaria galega no eido dramático.

Para o caso dos premios, o prazo de recepción de textos orixinais prolongarase ata o 31 de maio de 2016.