Os encontros cos finalistas, as proxeccións dos traballos gañadores/as e candidatos/as e a colaboración con outras academias do resto do Estado reforzarán a gala como accións de recoñecemento da industria galega do cinema e da televisión.

Organizada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA), a Gala dos Premios Mestre Mateo e unha serie de actividades paralelas terán lugar para reforzar o papel destes galardóns, que en 2017 celebran o seu décimo quinto aniversario, como instrumento de proxección social da industria galega do cinema e da televisión, co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Jacobo Sutil, director da Agadic, e Carlos Artes, presidente da Academia, asinaron hoxe
o convenio de colaboración para á realización de diferentes accións vinculadas á convocatoria dos Mestre Mateo. O momento culminante será a gala de entrega das estatuíñas, que este ano se adianta máis dun mes e terá lugar o 4 de marzo no Palexco da Coruña.

Retransmisión televisiva

Ademais desta cerimonia, que será retransmitida por TVG, o programa de actividades da décimo quinta edición complétase cos Encontros Mestre Mateo de profesionais do audiovisual con estudantes das escolas galegas de imaxe e son, as Proxeccións Mestre Mateo para promover os traballos gañadores/as e candidatos/as, os actos de lectura e xuntanza de finalistas e a colaboración con outras academias e entidades do resto do Estado para difundir as obras premiadas fóra de Galiza.

Tal e como se recolle no documento asinado hoxe, o obxectivo deste convenio é impulsar a visibilidade social do labor desenvolvido polo sector audiovisual en Galiza durante 2016. Para isto, os Premios Mestre Mateo convocaron 25 categorías divididas en dúas modalidades: de produción e profesionais.

No mesmo convenio, recoñécese o traballo desenvolvido pola Asociación Galega do Audiovisual como impulsora e organizadora destes galardóns, que “poñen en valor a profesionalidade e calidade dun sector en auxe en Galiza”.