A iniciativa, dirixida a produtoras na procura de socios estratéxicos para os seus proxectos cinematográficos e televisivos, terá lugar o 20 de novembro no marco da vixésima edición do OUFF

Os cinemas galego e portugués estreitarán lazos o vindeiro 20 de novembro en Ourense, onde terá lugar o I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia baixo a organización do Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal (ICA) e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).


A iniciativa, inserida no programa de actividades da vixésima edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), diríxese a aquelas produtoras audiovisuais de ambos os países con interese en establecer contacto directo con potenciais socios estratéxicos cara á coprodución de proxectos para cinema e televisión. O obxectivo final é ampliar as oportunidades de financiamento destas propostas e abrir novas canles de distribución e difusión, así como favorecer o intercambio de profesionais técnicos e artísticos entre Galicia e Portugal.

Inscrición
As empresas interesadas en participar neste foro bilateral de coprodución deben remitir ao correo electrónico Esta dirección de correo electrónico está protegida contra spambots. Usted necesita tener Javascript activado para poder verla. antes do vindeiro xoves día 5 o formulario de inscrición, dispoñible para a súa descraga desde a sección de avisos do web www.agadic.info. A partir da información achegada polas compañías, as entidades organizadoras elaborarán un dossier para os participantes e organizarán a axenda cara ao desenvolvemento de reunións personalizadas.

O I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia terá lugar o venres 20 de novembro, a partir das 10.00 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. As produtoras que acudan con proxectos en fase de desenvolvemento terán a oportunidade de facer unha presentación pública na sesión de 'pitching' coa que arrancará o evento. A continuación, darán comezo as roldas de reunións bilaterais entre compañías galegas e portuguesas, previamente concertadas pola organización.