Cita co público familiar en dez localidades desde mañá ata o domingo para reforzar as programacións municipais propias destas datas.

As propostas do programa 'Nadal en Rede' enchen desde a fin de semana pasada as axendas de lecer nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. A quinta edición do programa, que arrancou o sábado no concello coruñés de Trazo, desprega durante esta semana obradoiros de música e de xogos e xoguetes en galego, concertos didácticos, teatro de monicreques e actividades cos Bolechas nas que a lingua galega se dá cita co público familiar en dez localidades. Para alén disto, as propostas reforzan e amplían as programacións municipais de actividades propias destas datas.

Canda 'O castiñeiro do Apalpador', 'Os Bolechas. Nadal en familia', 'Cantarolas para xente miúda', 'Nadal de vila en vila' e 'Obradoiro de xogos e xoguetes en galego', que chegarán ata o vindeiro 7 de xaneiro a medio de cento de concellos adscritos á RDL, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon, no marco deste programa, a disposición de toda a cidadanía no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/nadal-en-rede) múltiples recursos para galeguizar os principais eventos do Nadal.

Actividades en dez concellos ata o domingo
Esta semana 'Nadal en Rede' estrea tres das cinco propostas que ofrece en exclusiva a súa edición 2016: 'Cantarolas para xente miúda', que se poderá gozar mañá, mércores 21, en Oroso (na Casa da Cultura de Sigüeiro, ás 18:00 horas); 'Nadal de vila en vila', un obradoiro de cantos tradicionais do Nadal que impartirán Uxía e Santi Cribeiro o xoves 22 en Boborás (na Casa do Concello, ás 12:00 horas) e en Toques (na Aula da Natureza, ás 20:00 horas); e 'Obradoiro de xogos e xoguetes en galego', da man dos dinamizadores da empresa xogueteira Brazolinda, o sábado 24 (no Pavillón dos Deportes de Verín, desde as 10:00 horas).

Ata o sábado proseguen esta semana as actividades 'Os Bolechas. Nadal en familia' (na praza de abastos de Rianxo, a partir das 16:00 horas), 'O castiñeiro do Apalpador' (na Sala Multiúsos do Incio, ás 18:00 horas) e 'Cantarolas pra xente miúda' (no Auditorio Municipal de Ourense, ás 18:00 horas); o venres 23 Os Bolechas farán parada en Sanxenxo (no pavillón polideportivo, desde as 16:00 horas) e 'Nadal de vila en vila' en Mazaricos (na Casa da Cultura, ás 17:00 horas) e o sábado 24 'O castiñeiro do Apalpador' chega ao Carballiño (no Auditorio Municipal, ás 12:00 horas). Toda a información do programa e o calendario de actividades está xa dispoñible no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Xogos e xoguetes en galego
O Nadal é tempo de xoguetes e a RDL quere apoiar as empresas que os desenvolven na nosa lingua, animar os pequenos e pequenas a empregala nos seus xogos e aos seus pais e nais a transmitirlles o idioma propio de Galicia compartindo con eles espazos de ocio en galego. Con estes obxectivos, a RDL incluíu na súa programación un obradoiro de xogos e xoguetes en galego que desenvolverá a empresa xogueteira Brazolinda en dez concellos.

Nadal de vila en vila
Os músicos Uxía e Santi Cribeiro desenvolverán noutras dez localidades da RDL un obradoiro participativo para familias con fillos a partir de catro anos, ás que se lles pedirá que axuden a contar un conto musical de Nadal unindo as súas voces ás dos dous músicos e acompañándoas con instrumentos de percusión que lles serán entregados para a ocasión. Deste xeito, irán coñecendo panxoliñas, xaneiras, cantares de reis e aguinaldos que poderán repetir nas súas casas durante a celebración das festas, para celebraren en galego estas datas tan especiais.

Cantarolas para xente miúda
Máis cancións da man de Senén Vaamonde e de dous músicos do grupo A Roda, que ofrecen un concerto didáctico para que os nenos e nenas galegos a partir dos dous anos e as súas familias coñezan 'Cantarolas para xente miúda', un proxecto musical que compartiron dúas das figuras máis representativas da historia da música e das letras galegas: Suso Vaamonde e Xosé Neira Vilas. Poderase gozar tamén en dez localidades galegas.

Cos Reis Magos, en galego
Como outros anos, seguen estando a disposición dos concellos pertencentes á RDL e das familias modelos de cartas para escribirlles na nosa lingua ás súas maxestades de Oriente, así como a ferramenta "resposta dos Reis Magos" para que os nenos e nenas poidan recibir unha mensaxe personalizada de Melchor, Gaspar e Baltasar escrita na nosa lingua.O Portal da Lingua Galega tamén lles ofrece aos Reis discursos na nosa lingua que poderán ler a noite da cabalgata para que todos os poidamos sentir falar no idioma propio de Galicia.

E tamén co Apalpador
Para os que prefiran ou queiran coñecer outras figuras tradicionais do Nadal galego, a RDL presenta a peza de monicreques ‘O castiñeiro do Apalpador’ nunha peza, dirixida público de máis de tres anos, na que o propio Apalpador –da man de Fantoches Baj- será quen lles conte aos asistentes por que reparte castañas entre os nenos e nenas durante o Nadal.

Os Bolechas, Nadal en familia
Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa celebrarán este Nadal cos nenos e nenas de dez concellos, a quen acompañarán mentres estes xogan. Haberá concurso e exposición de postais; cartas aos Reis Magos; contacontos; xogos populares; sorteo de libros; obradoiros de chapas, de maquillaxe, de debuxo... e moitas outras actividades divertidas en galego para toda a familia.

Pódense consultar todas as actividades na  Axenda de Cultura de Galicia.