O ciclo “Escritores/as na Universidade” chega á súa undécima edición.

Organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración coa Secretaría xeral de Política Lingüística e a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, o ciclo propón para este outono unha serie de mesas redondas que achegan ao alumnado universitario, e á sociedade en xeral, a oportunidade de escoitar e interactuar cos autores/as analizando a súa obra persoal, cada ano desde un prisma diferente que vén dado polo lema do ciclo, que nesta edición é “Teoría de contrarios”.

O ciclo estrutúrase en tres mesas redondas correspondentes a cadanseu xénero literario. A primeira, “Literatura e/ou mercado?”, sobre narrativa, o vindeiro luns, 26 de setembro, ás 12.15, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, inaugura o ciclo coa presenza dos narradores  Susana Sánchez Arins e Xesús Constela, que abordaran unha reflexión sobre o concepto de gran público no sistema literario galego.

A seguinte, que terá lugar o 5 de outubro no mesmo lugar mais neste caso ás 10.00, abordará a cuestión desde o xénero poético coa participación de Iolanda Zúñiga e Silvia Penas, que falarán dos límites difusos entre a poesía e a performance nunha mesa titulada “Poesía ou performance?”.

Rematará o 19 de outubro, ás 10.00 e tamén no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, coas reflexións sobre a vixencia do drama e do postdrama no relato teatral contemporáneo de AveLina Pérez e Manuel Lourenzo baixo  o título “Drama ou postdrama?”.

Despois de cada mesa redonda hai un coloquio aberto para dar oportunidade ao alumnado de formular as súas preguntas.

Entrada libre

As mesas serán retransmitidas en directo no servidor de streaming da Universidade de Vigo.

Máis información aquí. O telf de contacto de Rexina Vega, coordinadora do Ciclo, é o 605 569 370.