Entrevistamos a Habelas Hainas, un dos nosos grandes grupos musicais, formado por mulleres que fan música tradicional e de raíz.

No 2009 nace proxecto Habelas Hainas, catro músicas cuxa versatilidade vai alén do feito de seren multiinstrumentistas e lévaas a explorar outros eidos artísticos como a teatralidade e as artes plásticas e visuais facendo de cada espectáculo algo diferente e senlleiro.

Habelas Hainas son:

Arantza Alfaia: tamboril, bombo, darbuka, caixón flamenco
Jara Ortiz: voz, bombo, pandeireta, crótalos árabes
Patricia Gamallo: gaita, saxo alto, pandeiro
Sandra Tamayo: acordeón, gaita, pandeiro

O punto de partida é a música tradicional e de raíz; séntense parte dunha tradición longa e viva da que xorde a natural necesidade de expresárense, sempre dende unha ollada feminina e plural. Isto lévaas a explorar outras músicas, crear os seus propios temas e experimentar coa tradición; tal inquedanza permanente reflíctese na indagación e aproveitamento dos diferentes recursos dos instrumentos tradicionais creando un son enérxico, fresco e orixinal.

Aqui tedes a entrevista que lles fixemos:

 

1. Definídevos en dúas palabras

Meigas dentro!

 

2. ¿Onde vos atopades máis cómodas, creando novos temas ou versionando música tradicional?

En liñas xerais, no fluír do proceso creativo, bebemos dunha tradición musical fermosísima, longa, viva e dinámica en constante movemento, construída por autoras individuais e colectivas, anónimas ou non, que nos inspiran para seguir escribindo a historia do noso tempo dende a nosa ollada. Tradición viva dos tempos de agora. Creación, recreación e arranxos nun senso amplo e complexo, mais sobre todo peneira, criba de melodías, harmonías, ritmos e letras que nos signifiquen. b2ap3_thumbnail_tuplace_habelas-foto.jpg

Unha parte importante das nosas propostas bebe das transmisións orais interxeracionais e dos cancioneiros populares galegos, mais facemos criba daquelas coplas coas que nos sentimos identificadas ou que conectan dalgún xeito coas nosas realidades, xa que non estamos dispostas a seguir reproducindo aqueloutras que perpetúan contravalores ofensivos e agresivos cara ás mulleres. Cantámoslle ao amor propio: voarei, sen ti eu voarei en “Finnish Terra”, mestura de melodías de ida e volta que van por unha banda, da Laroá labrega emigrada a Cuba e por outra viaxan dende as escoitas de grupos tradicionais fineses ás lembranzas da nosa breve e intensa incursión musical polo NordKapp (Noruega), cantámoslle á sororidade e ás músicas da rúa na “Danza”, á liberdade para ser, á retranca e o deprezo das malas linguas en “Marmuradoras” ou ao pasado que se fai presente en “Media Calada”.

Outras letras xorden motivadas por encontros musicais noutros recunchos do mundo e sobre todo pola colaboración con outras compañeiras doutros eidos artísticos. Así é o caso do “Eskápate do escaparate” para o documental Deu centimetres més a prop del cel de Raquel Rei sobre a moda opresora das mulleres a través dos zapatos de tacón. “Salvadora” baseada nunhas melodías de San Salvador de Padreiro para o documental sobre os petos das mulleres pola economía sustentábel Sempre foron cinco. “Ergámonos!” versión en galego do “Hymne des Femmes” do Movemento de Liberación Feminista francés (MLF, 1970), motivado pola exposición de Carolina Cruz Guimarey Levons-nous!, ou o “Bella Ciao”, versión en galego da letra orixinal que fala das duras condicións de traballo das labregas de Padua, labregas do mundo.

Salientamos tamén a colaboración con outras poetas galegas como Xiana Arias, Luz Fandiño, avoa-amiga, a quen lle adicamos o “Latexo Roxo” creada dende a ollada das netas do golpe de Estado do 36, Andrea Nunes ou Rosalía Fernández, que en diálogo con Rosalía colaborou en varias ocasións nun dos nosos temas máis queridos, “Festiña por dentro”.

Xa dixemos nalgunha ocasión que para nós, os mellores escenarios son as rúas do mundo, xorde así “Chamosa”, cuxa letra fixemos para unha das Marchas da Dignidade 2014 polo Pan, Traballo e Teito, o “Himno Cementeiro”, creada para o Máis Talento e Menos Cemento, contra a especulación urbanística no concello de Barreiros ou os “Maios”, motivada polas sabotaxes culturais dos gobernos municipais do pp en Compostela nos últimos anos, cando, entre outras moitas, tentaron apagar a Feira da Primavera 2015 no noso benquerido barrio de San Pedro, que segue, sempre en loita, brillando con luz propia.

 

3. Dado que o activismo feminista é unha constante nas vosas cancións e actuacións, ¿como xurdiron as Habelas como grupo, nas rúas ou no conservatorio?

O natural e o persoal é político. Somos mulleres, cantamos na nosa lingua e as nosas letras falan do que nos afecta e sentimos como mulleres feministas, galegas, traballadoras, educadoras e amantes das músicas de raíz que forman parte dunha fermosísima tradición musical viva en permanente transformación.

O folclore é un arma de cohesión social, e foi así como nos atopamos, cantando, tocando e bailando nos locais, prazas e rúas compostelás. Cadrando, talvez coma un crebacabezas musical, enerxético e emocional ao vivo no que confluíron as diversas traxectorias de cada unha.

 

4. ¿Como vedes a situación da cultura galega en xeral?

Por unha banda existe unha tremenda potencialidade, calidade e cantidade excepcional de propostas e proxectos artísticos nos eidos literario, musical, teatral, artesanal, audiovisual...por outra, observamos que os axentes políticos non están á altura das necesidades dos artistas nin da cultura para o pensamento e a liberdade dos pobos, promovendo a invisibilidade, a falta de apoios, a situación de precariedade provocada, a falta de espazos dende ámbitos oficiais, na difusión a través dos medios de comunicación, na formación regrada, etc.

Esta descompensación e falta de equilibrio provocada pola incompetencia de quen xestiona, deriva en procesos de substitución e asimilación lingüística, musical e cultural en xeral, paliada pola loita permanente e en paralelo dos axentes culturais que constrúen alternativas necesarias de autoexpresión individual e colectiva, malia todos os intentos conscientes de invisibilización a prol da extinción.

 

5. ¿Que pensades vós que debemos facer a xente da rúa a cotío para promover a nosa cultura?

Crear, falarlle xs nenxs en galego, participar dos concertos e doutros espectáculos de calidade, ler, apreciar a diversidade literaria, musical, teatral e doutros eidos artísticos galegos, asociarse, organizarse, participar de xeito activo, consciente e comprometido coa terra que habitamos, aprender, contribuír, desfrutar, cantar, bailar, tocar, escoitar, mirar, achegarse para coñecer, coñecer para valorar e poder escoller, visualizar alternativas posibles e necesarias, ter curiosidade, loitar e contribuír a unha educación pública e de calidade que permita o desenvolvemento dos seres humanos en todas as súas dimensións, establecer canles de comunicación entre nós, a xente da rúa e os responsables da xestión dos recursos culturais, para con carácter asembleario ofertar alternativas enriquecedoras que nos fagan desfrutar e medrar contra dos contravalores... seguir construíndo dende abaixo para que a nosa cultura siga viva nas prazas, nos teatros, nas rúas, nos torreiros, nas escolas.

 

6. Sodes “multiinstrumentistas”. ¿Cal é o instrumento favorito de cada unha de vós?

Quizais o máis relevante no que atinxe aos instrumentos sexa a expresión a través dos mesmos, entendemos b2ap3_thumbnail_IMG_7922.JPGos instrumentos como medios de expresión e ollamos fundamentalmente a aqueles que forman parte da nosa cultura, presentes tamén noutras partes do mundo. Na formación base expresámonos a través do tamboril, bombo, adufes, gaitas, acordeón e voces, tentamos aproveitar os recursos que cada instrumento nos ofrece e seguimos adeprendendo cada día incluíndo de xeito puntual tamén outros segundo o que nos pida cada tema (guitarra, ferriños, caixón, pandeireta...).

O instrumento favorito... a fusión do crebacabezas...

 

7. A canción que máis vos identifique

Sentímonos identificadas con cada tema, sería complicado escoller un porque cada un agocha unha historia diferente que sentimos a necesidade de expresar ou que foi motivada por diferentes encontros, vivencias, experiencias e colaboracións con outras compañeiras. Por poñer por caso, A “Festiña” das Rosalías, hoxe, “Marmuradoras”, sempre solimán para o que dirán en tantos contextos... “Finnish Terra”, cantiga de amor propio, voarei sen ti eu voarei, “Media Calada” que nos conecta coa Carmiña dos tempos de antes e os tempos de agora, o “Himno das Mulleres” na loita feminista permanente, “Chamosa”, polo pan, traballo e teito, “Eskápate do escaparate”, contra da moda opresora para as mulleres e todas aqueloutras que están no caixón...aínda...

 

8. Vivir da música en galego, ¿quimera ou realidade?

En galego, seguimos latexando como pobo e cultura diferenciada, única e maxicamente irrepetíbel, facendo música na nosa lingua propia universal, polo dereito a existir nela en calquera ámbito vital, a autoexpresármonos, a seguir a construír a nosa historia e a compartir o sentir da xusta e necesaria autodeterminación dos pobos nun contexto neocolonial como o desta parte do mundo. Expresarnos e deixarnos ser a través da música e da linguaxe universal da paixón e da convicción no que sintes e no que fas, non ten fronteiras, lonxe dos criterios exclusivamente comerciais en relación coa música, as linguas de poder e o pensamento único.

As músicas de raíz galegas, constitúen o noso xeito natural de expresármonos musicalmente e forman parte do noso xeito de estar no mundo dentro dun contexto tremendamente desfavorable nun país cuxas institucións non apoian nin valoran a propia cultura, por iso, ás veces a realidade de poder vivir da música en galego é complexa, difícil e require dunha loita permanente pola dignidade, recoñecemento, profesionalización e condicións laborais de xeito individual e colectivo a través de diferentes proxectos e movementos asociativos.

Cómpre salientar, diante do “panorama” xeralizado nas festas populares, o papel e esforzo das diferentes asociacións culturais que de xeito voluntario e autoxestionado apostan pola música en galego e en directo construíndo alternativas en paralelo, na organización de diferentes festivais e eventos a prol da nosa cultura, acollendo novas propostas musicais de diferentes estilos e contribuíndo á oferta de diversidade musical de calidade, camiñando cara á necesaria normalización da nosa cultura viva.

 

9. O concerto ou actuación máis emotivo para Habelas. ¿Por qué?

Case todos os concertos son especiais para nós por moitos motivos, poderiamos lembrar un cento deles, mais se cadra, o primeiro, nas Festas de San Pedro de 2010 tivo un especial significado, por ese primeiro impulso, pola maxia de coñecernos, por parirmos na casa, polo solsticio de verán, porque esa noite “baila o sol cando nace e ri cando morre o día”, polas fermosísimas colaboracións coa xente do barrio, polo apoio e caloriña da xente bunita...

Por inesperado, por lonxano e cercano ao tempo, pola comprensión e acollida nunha aldea do círculo polar ártico aos ritmos do sol de medianoite, salientamos os concertos nas escolas, nos museos do mar e nos cafés de Honningvag no Cabo Norte (Noruega) en 2013. Dos máis recentes, lembramos con emoción e co inmenso pracer de poder compartirmos con tanta xente querida e siareira coma nós deste festival, o concerto de Pardiñas 2015, emblemático, lindo, máxico e cheo de encontros nesta curiosa tribu, amante das músicas populares...en primeira liña, sempre, non podía faltar a nosa avoa, amiga e compañeira: Luz Fandiño.

Así mesmo, como xa temos dito noutras ocasións, os mellores escenarios para nós son as rúas do mundo, como espazos de loita necesaria a prol da lingua, da igualdade, dos feminismos, da xustiza social, da Dignidade.

 

10. Contádenos algún proxecto de futuro. ¿En que andades a traballar?

Compaxinando con ensaios e concertos do verán e do próximo outono, estamos a traballar no que vai ser o noso primeiro disco.

 

COLLEITA PROPIA: Dúas frases para decir o que vos pete ;)

Habelas Hainas somos todas as mulleres silenciadas e invisibilizadas, todas as mulleres que foron e son xulgadas, condenadas, executadas, fusiladas, lapidadas, unha lembranza á caza de bruxas, holocausto feminino, cruzada misóxina que deixou sen vida a mulleres habilidosas, histéricas, independentes, solteiras, viúvas, libres e loucas. Homenaxe a todas as mulleres que se atreveron a ser como quixeron ser. Meigas dentro!!!!