Cinema, escena e lectura, protagonistas do stand de Cultura no Culturgal 2015.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, participaron hoxe no acto de presentación da oitava edición de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia que se celebrará en Pontevedra os vindeiros 4, 5 e 6 de decembro co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O representante do departamento de Cultura da Xunta –que estivo acompañado polo presidente de Culturgal, Manuel Bragado; polo director da Feira, Xosé Aldea; polo deputado provincial de Cultura, Xosé Leal; e pola concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro– definiu esta feira como “un auténtico motor cultural” que se consolida ano tras ano, así como “un escaparate da nosa identidade”.

Neste sentido, salientou o “apoio decidido” e o compromiso da Consellería –a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)– con este evento porque favorece o intercambio profesional, fomenta a participación de todos os públicos (con especial relevancia o infantil) e promove a dinamización creativa e económica arredor do sector cultural galego, un eido “que presenta grandes potencialidades para medrar no futuro”, segundo destacou o secretario xeral.

Cinema, escena e lectura
Co obxectivo de promover algúns proxectos postos en marcha dende a Consellería para dinamizar o sector das industrias culturais, o stand do departamento que dirixe Román Rodríguez achegará información sobre o programa Cinemas de Galicia, o mercado Galicia Escena Pro –que vén de celebrarse recentemente en Santiago–, as campañas de animación á lectura ou os traballos de dinamización lingüística que percorren gran parte dos concellos de Galicia.

Ademais, os visitantes atoparán información sobre a feira Womex 2016, que se volverá celebrar o ano que vén en Santiago tralo éxito acadado na edición de 2014, e tamén poderán descargar no stand a app da Axenda de Cultura de Galicia, unha aplicación móbil promovida pola Secretaría Xeral de Cultura, coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que estará dispoñible nos próximos días.

Presenza no Foro Profesional
Aínda que Culturgal está pensado para todos os públicos, o colectivo profesional conta cunha programación propia na que estará presente tamén a Consellería. Tal e como explicou Anxo Lorenzo durante a presentación, o seu departamento colabora nas xornadas organizadas pola asociación Escena Galega, así como en ‘Firma e Filme’, que se enmarca no programa que puxo en marcha a Consellería xunto coa Agapi (Asociación Galega de Produtoras Independentes) para fomentar as versións cinematográficas de obras da literatura galega.

Trátase dun encontro, en palabras do secretario xeral, “do maior calibre cultural”, onde se dan cita todo tipo de expresións artísticas, desde a música ou o cine ata o patrimonio arqueolóxico, a ciencia-ficción ou a gastronomía. 

-Dossier de Culturgal 2015