A Área de Cultura da Deputacion de Lugo xunto coa Tradescola organizaron este concerto–homenaxe “Sons de maio…para Manuel María” encheu de música e baile tradicional a praza lucense.

Tan só dous días despois de celebrarse o Día das Letras Galegas, a lucense Praza de San Marcos encheuse de público para homenaxear ao poeta chairego no que é o Ano Manuel María. O Delegado de Cultura, Xosé Ferreiro, asistiu a este evento no que destacou o potencial da Tradescola como "xeradora de cultura desde a base" e destacou os eu papel como "salvagarda da nosa cultura e da nosa tradición.

O alumnado e o profesorado da Tradescola, coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo dentro do seu programa "Seráns Culturais", deleitou ao numeroso público presente con pezas tradionais galegas, así como con poemas de Manuel María musicados ao son das gaitas, pandeiretas e zanfonas. Así mesmo, tamén o baile galego estivo presente nesta xornada.

sanmarcos tradescola manuel maria

 "Sons de maio...para Manuel María" é, deste xeito, un novo acto que neste ano se suma á inxente actividade levada a cabo pola Tradescola neste curso, no que a maiores das aulas impartidas de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, técnica vocal, percusión, requinta, e linguaxe musical ás que asisten máis de 250 alumn@s, realizáronse tamén obradoiros de bailes e xogos para o público xeral, concertos didácticos de música Tradicional para escolares de distintas comarcas da provincia, obradoiros de regueifa, entre outros moitos.

A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s trasladou un  balance moi positivo do oitavo ano de vida da Tradescola, un ano no que ademais das aulas impartidas, organizáronse numerosas actividades de divulgación da nosa cultura tradicional. Dende os inicios da Tradescola, fíxose posible que xa máis de 4500 persoas puideran asistir a conferencias, aulas, cursos, exposicións, concertos, obradoiros, actuacións, certames e monográficos realizados por esta escola na cidade de Lugo e nas distintas comarcas da provincia.