A noticia foi confirmada pola responsábel da área, Goretti Sanmartín Rei, en xuntanza con representantes das tres entidades relacionadas co libro galego.

Representantes da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editoras mantiveron unha xuntanza coa responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, na que se concretou a colaboración de cara á celebración da segunda Gala do Libro Galego en que se entregarán os premios das diversas categorías do mundo do libro.

Belén López e Silvia Bello, da Asociación Galega de Editoras; Cesáreo Sánchez Iglesias e Mercedes Queixas da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e Antón Pedreira e Nani Regueira, da Federación de Librarías de Galicia presentaron á responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña o proxecto de difusión e promoción do libro galego a través da gala que o pasado ano se celebrou de maneira conxunta no mes de maio.

"Desde a Deputación da Coruña queremos colaborar nese acto que significa unha festa para o libro galego e un grande chanzo para a difusión do gran traballo que se está a desenvolver desde os distintos ámbitos do sector", sinalou Goretti Sanmartín ao tempo que aplaudiu a iniciativa das tres entidades de organizar conxuntamente uns premios e unha gala á que a unidade lle dá unha maior forza.

"O libro galego precisa un esforzo conxunto do sector e as distintas administracións para a súa difusión co cal, desde a Deputación, non podemos senón agradecer a iniciativa e apoiala de cara a contribuír a afortalar a súa presenza pública", engadiu Goretti Sanmartín.

A Gala do Libro Galego realizouse na súa primeira edición o pasado mes de maio en Santiago de Compostela despois dun proceso en que se agruparon os galardóns que en anteriores edicións entregaban por separado a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a Federación de Librerías de Galicia e a Asociación Galega de Editoras.