Os días 9, 10 e 11 a diversidade cultural e lingüística estará de festa en Rianxo. Despois de recalar en Escocia, Gales, Frisia, Irlanda e Cornualles o Festival Tosta chega a Galiza cun amplo programa de concertos e actividades dentro do programa Donostia Capital Europea da Cultura 2016.

Guadi Galego, De Vacas, Xurxo Souto, Quico Cadaval, Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel, Magín Blanco ou os vascos Oreka TX son algunhas das propostas do programa do Festival Tosta que se celebrará os días 9, 10 e 11 de setembro en Rianxo nun encontro cultural que conta coa Mesa pola Normalización Lingüística e a área de Cultura da Deputación da Coruña como entidades galegas promotoras. Ademais, o programa incluirá a participación da Banda Tosta que está formada por integrantes de todas as culturas participantes entre as que se atopa a galega Mónica de Nut. Completa o programa a presentación dos traballos creativos resultado dos intercambios culturais da artista galesa Luned Rhys na súa residencia artística en Galiza e da galega Belén Tajes na súa estadía en Irlanda.

"Para plurilingües nós", afirmou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, na presentación dun festival que responde, entre outras cousas, á "necesidade de mirar o moito e bo que se está a facer en linguas minorizadas". Destacou a intensa relación que a cultura galega mantivo historicamente coa Bretaña ou con Irlanda e aplaudiu o deseño dun proxecto que xunta as culturas en linguas minorizadas en pé de igualdade e promoveu un intercambio creativo como o que se produciu a través das artistas Luned Rhys e Belén Tajes. "Trátase dunha clara defensa e reivindicación das linguas minorizadas, linguas que teñen moitos coñecementos detrás e que nos irmanan con moitos lugares nun encontro que produce unha maior vitalidade para todas", sinalou ao tempo que fixo fincapé nos "contedores culturais que toman parte do escenario do festival, poñendo en destaque a mestura da idea de identidade e dunha cultura que vai de porto en porto como unha mercadoría, coa súa parte económica e comercial". A área de Cultura da Deputación propón o programa como unha achega á celebración do Día Europeo das Linguas, xornada en que rematará o festival itinerante en Rentería, a súa parada final.

Pola súa parte, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, mostrou a súa satisfacción por participar nun proxecto que ten como obxectivo "visibilizar a diversidade lingüística e cultural". Lembrou que "tosta", é unha palabra que, con distintos significados, aparece nas linguas participantes como unha táboa de madeira empregada con diferentes usos na navegación e que agora serve como metáfora "deste encontro que se desenvolve en distintas localidades da Europa atlántica e ten coma fin festexar as linguas minorizadas con inmenso potencial cultural".

Na presentación participou tamén o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños que agradeceu á organización que pensara en Rianxo para poñer fin ao periplo do festival itinerante nunhas datas de especial relevancia para a localidade xa que coincide coa celebración das festas da Guadalupe. "Para nós é unha honra sermos a sede deste festival ao que agardamos darlle a acollida que se merece", sinalou.

Guadi Galego di adeus ás "lúas" en Rianxo

A música Guadi Galego anunciou que o seu concerto de Rianxo será tamén o peche da xira do disco "Lúas de outubro e agosto" e mostrou a súa satisfacción por participar nun festival que pon en relevo a potencialidade das linguas minorizadas. Tamén para Belén Tajes o festival terá un especial destaque xa que servirá para dar a coñecer o cancioneiro de cantigas do mar de Irlanda e Galiza que foi o proxecto co que conseguiu a residencia artística dentro do programa Tosta.

O festival iniciarase o venres día 9 de setembro cun programa que, ademais dun obradoiro de origami de motivos mariñeiros, incluirá a participación de Xurxo Souto, Quico Cadaval e a Banda Tosta, coa galega Mónica de Nut. Para o sábado día 10 está prevista a intervención de Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel ademais dos vascos Oreka TX e un obradoiro infantil coa artista Luned Rhys Parri. Magín Blanco, Belén Tajes, Guadi Galego e De Vacas son algunhas das propostas par ao domingo día 11, xornada final dun festival itinerante que percorre Europa desde o mes de abril e que terra o seu colofón en Euskadi dos días 23 ao 26 de setembro, na conmemoración final do Día Europeo das Linguas.