Hai proxectada unha ampla programación para dar a coñecer e afondar na traxectoria artística da pintora

Multitude de vilas por todo o país, entre elas a vila de Viveiro acolleron actos de homenaxe á artista Maruxa Mallo, unha das figuras senlleiras do surrealismo internacional, á que a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario lle adica este ano o Día da Arte Galega.

Diferentes institucións galegas teñen deseñado un conxunto de iniciativas arredor de Maruxa Mallo co fin de recoñecer a importancia desta artista no contexto das artes no século XX.

b2ap3_thumbnail_asset-60-765x1024.jpgA “modernidade cosmopolita” desta musa da xeración do 27 que desde o seu Viveiro natal se proxectou cara o mundo a través de cidades tan diversas como Madrid, Arxentina, París, Santiago de Chile, Brasil ou Nova York. Foi unha persoa valente que coa súa actitude e pensamento, cimentou as bases da muller moderna; e unha transgresora na arte, que foi quen de crear “a súa propia linguaxe artística” mesturando as distintas correntes que estaban chegando a España coa ollada á arte popular.

Maruxa Mallo xurde como “unha galega universal por dereito propio” que fixo da arte o sentido da súa vida e que por riba de todo, contribuíu a facer Galiza.

No acto de Viveiro, vila natal da artista, estiveron a alcaldesa de Viveiro, o presidente da Real Academia de Belas Artes, o presidente da Deputación de Lugo, o secretario xeral de Cultura, o Conselleiro de Cultura e o delegado territorial da Xunta en Lugo, entre outros.

O Día das Artes Galegas oficializouse por primeira vez hai tres anos, coa dedicatoria ao Mestre Mateo; e o ano pasado o protagonista foi Castelao. Maruxa Mallo recibe o recoñecemento nesta edición de 2017, segundo a propia Academia, pola importante significación do seu legado e da súa obra plástica, o seu contacto con artistas escritores e intelectuais como Dalí, Alberti, Lorca, Neruda, Breton ou Éluard, e as súa integración nas vangardas, así como o seu carácter transgresor e defensa dos dereitos da muller.

 

Ampla programación

Co gallo desta conmemoración en homenaxe a Maruxa Mallo, hai deseñado un variado programa de actividades en torno a esta creadora e que abrangue diversas iniciativas no ámbito das bibliotecas públicas con obradoiros, roteiros, conferencias, iniciativas na rede e mostras bibliográficas; a incorporación do Día da Arte Galega ao Calendario do Libro e da Lectura 2017; e proxectos expositivos nos distintos museos públicos, entre outros.b2ap3_thumbnail_tuplace_marujamallo.jpg

De feito, ata o vindeiro venres o Museo Pedagóxico de Galicia ten marcha o roteiro ‘En feminino: un recordo ás mulleres comprometidas coa educación en Galicia’. Esta actividade consiste nun roteiro deseñado para as persoas que visiten o Mupega, no que se destacan espazos expositivos relacionados con mulleres galegas que xogaron un papel activo na educación, con especial atención á figura de Maruxa Mallo.

Así mesmo, baixo o lema ‘Lembrando a Maruxa Mallo’, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acollerá entre abril e maio unha actividade que inclúe unha exposición de pezas da creadora que inclúe litografías, textos e imaxes da obra da artista que pertencen á Colección do museo, e un punto de documentación específica na biblioteca do centro, con catálogos e libros sobre a súa vida e a súa obra.