O departamento provincial de Cultura e Lingua apostou pola integración e a accesibilidade na súa programación de actividades do Ano Castelao nos concellos.

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, presentou esta mañá as actividades culturais do Ano Castelao que se realizarán nos concellos da provincia. Un programa de exposicións, concertos e obradoiros que contribuirá a complementar as programacións culturais locais, co obxecto de chegar a toda a poboación da provincia.

O deputado provincial puxo o acento no feito de que este ano, ademais de chegar á totalidade dos concellos, tamén se apostou por incluír as novas tecnoloxías e pola integración e a accesibilidade das persoas con dificultades auditivas. No eido da accesibilidade dúas das exposicións programadas contemplarán o uso de audioguías e signoguías, realizadas coa colaboración da Organización de Xordos de Galicia (XOGA). "Consideramos un fito que, a partires de agora, haxa un signo establecido en lingua de signos para designar a Castelao, que o seu uso sexa aceptado e normalizado e que cada vez máis persoas poidan acceder aos nosos contidos", sinalou Xosé Leal.

Na presentación, o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, estivo acompañado pola presidenta de XOGA, M.ª Jesús Monterde García; por Toño Escudero, socio da empresa que colabora cunha app educativa; pola actriz Beatriz Campos; e polo músico Luis "O Caruncho", que interpretou un cantar de cego dos que se inclúen na programación.  "Presentamos unha variedade de actividades moi completa, que, como se di, toca moitos paus, para atender as disciplinas artísticas que cultivou Castelao e para dar cabida aos 62 concellos", afirmou Xosé Leal.

A presidenta de XOGA, M.ª Jesús Monterde García, comezou a súa intervención agradecendo o papel integrador da Deputación, da que destacou que "deu o paso para facilitar esta colaboración, que vai favorecer que haxa un acceso a unha faceta das persoas con xordeira, como é a cultura, que ata agora non era posible e fomentará a normalización da lingua de signos entre o conxunto da poboación".  M.ª Jesús Monterde incidiu tamén en que o signo para designar a Castelao permitirá que as persoas que non son galegas tamén poidan coñecer este autor. Pola súa banda, Toño Escudero cualificou a aplicación educativa que se inclúe na programación como "un recurso que facilitará que os rapaces usen as novas tecnoloxías para crear historias, contos, viñetas ou exercicios e apoiarse na vida de Castelao para engadir texto e audio e compartir os contidos creados". A actriz Bea Campos, que participará na programación con contacontos para todos os públicos, referiuse á importancia da tradición oral, sinalando que "a vida sen contos sería moitísimo máis triste, porque os contos nos avisan do que nos vai pasar na vida". Anunciou que nas actuacións enlazarán contos tradicionais europeos con contos extraídos deCousas de Castelao. Bea Campos asegurou que "queremos que estas adaptacións sexan un primeiro achegamento dos cativos e cativas a Castelao, para que pregunten máis, para que sigan investigando e pregunten por el nas súas casas".  Por último, o músico Luis "O Caruncho" explicou que os cantares de cego, incluídos na programación, "nos permitirán estar polas feiras levando a retranca de sempre, cantando romances de onte e de hoxe, tradicionais e non tradicionais".

A primeira das actuacións desta programación será no Concello de Moaña, o día 26 de marzo, onde se desenvolverá un concerto a cargo de Migallas. A primeira das exposicións inaugurarase o día 31 de marzo no Porriño e leva por título "De Castelao ao mañá. Unha ollada ao cómic galego". As persoas que desexen información sobre a actividade que se realizará no seu concello dentro da programación do Ano Castelao poden dirixirse ao enderezo de correo electrónico Esta dirección de correo electrónico está protegida contra spambots. Usted necesita tener Javascript activado para poder verla.

Actividades (pdf)